O voceiro nacional do Bloque recordou os 200 millóns conseguidos pola formación na negociación dos tres últimos orzamentos do Estado.
A reforma de varias leis "para que se atendesen as demandas específicas do noso país", o "desbloqueo" no traspaso de competencias, e os investimentos extra apañados na negociación dos orzamentos do Estado foron os tres argumentos principais expostos por Anxo Quintana, vicepresidente da Xunta, e voceiro nacional do BNG, á hora de pedir o apoio dos cidadáns cara ás próximas eleccións xerais. No primeiro acto formal de precampaña celebrado este xoves en Santiago de Compostela, Quintana expuxo que a capacidade do BNG de incidir na política estatal e a prol dos intereses dos galegos "é algo no que cre cada vez máis xente".
Laiouse Quintana de que para os "partidos estatais" estes comicios serán en Galiza un "conxunto baleiro onde obteñen deputados" para despois da contas a Madrid. Contrapuxo a iso a idea de que o BNG é unha formación "para a que o seu centro de referencia é Galiza". "O gran reto do vindeiro 9 de marzo é que ese sentimento maioritario que hai na xente de que Galiza ten que darse a valer, ten que ter capacidade de decidir en Madrid, se converta nunha forza electoral escollendo o BNG".
Aumento de dereitos sociais e despenalización da eutanasia
De xeito concreto, o primeiro na lista do BNG pola provincia da Coruña, Francisco Jorquera, avanzou que o BNG pedirá durante a próxima lexislatura que se modifique a Lei de Inturrupción Voluntaria do Embarazo para establecer unha lei de prazos ao xeito do que sucede noutros lugares en Europa.
Jorquera recordou que agora mesmo "só entre un 3 e un 5% dos abortos se realizan na sanidade pública porque a decisión da interrupción do embarazo está en máns de xuíces e médicos que actúan discrecionalmente e guiándose polas súa moralidade". "Na práctica hoxe só é posíbel abortar sempre e cando se teñan recursos económicos", criticou.
Por outro lado, salientou tamén que o Bloque vai propoñer a despenalización da eutanasia activa para casos diagnosticados como enfermidade terminal e irreversíbel, garantindo a súa asistencia no sistema público de saúde.