Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MANIFESTO

Máis dun cento de persoeiros pídenlle á Xunta que preserve o legado que supón O Castro-Sargadelos

O texto, que encabezan ex presidentes Fernández Albor, González Laxe e Manuel Fraga, demanda que se declare a firma “ben cultural de Galiza”.

Redacción - 20:26 17/01/2008

Preto de 120 persoeiros do mundo da cultura e da política asinan un manifesto polo cal lle piden á Xunta que se preserve o legado que supón O Castro-Sargadelos. Reivindican que se declare institucionalmente este espazo como “patrimonio cultural de Galiza” coa fin de “preservalo e garantir a súa continuidade e supervivencia”.

O manifesto está encabezado polos ex presidentes Xerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe e Manuel Fraga. No mesmo tamén asinan, entre outros, Marilar Aleixandre, Suso de Toro, Alfredo Conde, Neira Vilas, Xosé Manuel Beiras e Camilo Nogueira.

Texto íntegro do manifesto:

O CASTRO-SARGADELOS: PATRIMONIO DA GALIZA


O complexo “O Castro-Sargadelos” é o resultado dun insólito proceso de creación colectiva inspirado, propulsado e catalizado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane. Encetouno Isaac hai máis de medio século. Hoxe constitúe un Patrimonio cultural da Galiza enteira. Cómpre que o poder político do goberno galego así o declare institucionalmente, mediante o procedemento que formalmente sexa necesario e acaído, para preservalo e garantir a súa continuidade e supervivencia a cuberto de calquera eventualidade e calquera peripecia empresarial que o poña en perigo de desnaturalización, destrago ou desaparición. En canto ben de interese cultural para o pobo galego, é patrimonio da cidadanía, e á cidadanía incúmbelle reclamar do poder democrático que actúe e interveña para defendelo e mantelo ao dispor da cultura do común de nós, da nosa nación.

As orixes xerminais do proxecto están na conxunción de dúas fontes de inspiración e decisión e dous episodios da epopea de resistencia cívica, galeguista e republicana á barbarie do fascismo franquista. No primeiro caso, trátase dunha decisión individual tomada, en dous chanzos, por Isaac Díaz Pardo no decurso da súa traxectoria existencial. No segundo, consiste nun proceso dialóxico entre Isaac e Seoane, activado nunha dinámica de grupo no exilio arxentino e proseguido despois de por vida.

A finais dos anos corenta, Díaz Pardo decide deixar a creación pictórica e aborda a creación das Cerámicas do Castro, coa colaboración financeira de José Rey e Federico Nogueira, en terreos que a sensíbel e fiel Mimina, a muller e compañeira leal de Isaac, cede solidariamente do Pazo do Castro de Osedo, propiedade da súa familia.

Cinco anos despois Isaac viaxa a Bos Aires, e alí aceita o convite dos exiliados para montar a Magdalena, unha fábrica de porcelanas conforme ao modelo pioneiro da do Castro e avincallado con ela, mar por medio. E aí configúrase un cerebro colectivo, primordialmente sobre a conexión entre Díaz Pardo e Luís Seoane, mais tamén cos Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Blanco Amor, Núñez Búa, Arturo Cuadrado, Antonio Baltar... Neses intres, alí, na Magdalena, constitúese un Laboratorio Cerámico e concíbese a creación dun Laboratorio de Formas de Galicia. Farano realidade aquí, na Terra, en 1963, Díaz Pardo e Seoane, e moi axiña, con Andrés Fernández Albalat, darán a luz o proceso de recuperación de Sargadelos.

A Magdalena e O Castro non foron, pois, nin naceron como simples fábricas ou empresas industriais. Tampouco Sargadelos, filla delas. O que foron denominaríase hoxe un combinado de “laboratorio de ideas” e “factoría cultural”: Laboratorio de Formas e Seminario de Sargadelos. Seoane e Díaz Pardo e máis o colectivo de leais ao proxecto que se foron integrando no proceso dérono construído por enteiro. Seminario de Estudos Galegos resucitado. Laboratorio Xeolóxico de Laxe legado por Isidro Parga Pondal. Museo Galego Carlos Maside de Arte Contemporánea, teima xenerosa de Luís Seoane. Ediciós do Castro para a recuperación imprentada da memoria histórica. Instituto Galego de Información (IGI), como laboratorio de creación ideatoria e comunicativa, hoxe sometido a asedio por corte de suministros. Nesa urdime, as factorías industriais do Castro e Sargadelos foron o artefacto funcional para a conxunción arte-industria. Foron unha empresa formalmente privada que funcionou, por necesaria suplencia, con criterios de empresa pública eficiente orientada a fins socioculturais colectivos.

Isaac Díaz Pardo, Seoane e os demais idearon ese proxecto, edificaron ese complexo, e fixéronlle ese agasallo inmenso ao pobo galego. Correspóndenos agora aos cidadáns pórmos a salvo esa inxente obra. Por iso requirimos publicamente, a intervención do poder político democrático do que os cidadáns mesmos nos dotamos. A obra de Díaz Pardo e Seoane, o complexo cultural O Castro-Sargadelos, é patrimonio da Galiza.

Santiago, 11 de xaneiro de 2008.


5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: