Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Presentada polo Bloco de Esquerda

Falla a primeira moción de censura ao goberno portugués de Sócrates

Era a primeira contra o goberno do PS, a 15ª dende o 25 de abril do 74, mais desta volta non foi para adiante, porque o partido de Sócrates ten a maioría absoluta no Parlamento.

Redacción - 11:00 17/01/2008
José Sócrates, o primeiro ministro portugués

José Sócrates, o primeiro ministro portugués

O Bloco de Esquerda presentou a semana pasada a primeira moción de censura ao goberno de José Sócrates, acusando ao primeiro ministro portugués de ter fallado no seu compromiso de un referendo ao novo tratado europeo, o chamado Tratado de Lisboa.

De feito, os bloquistas ameazaron, xa dende outubro, con presentar esta moción, se o executivo de Sócrates non facía o referendo, que ademais xa prometía no seu programa electoral en 2005, nunha altura na que estaba en discusión o fallado tratado constitucional da UE.

Ao final non houbo consulta popular
A semana pasada Sócrates anunciou que non ían facer a consulta popular da que se falara semanas atrás, sobre o novo Tratado Europeo, e que finalmente vai ser o Parlamento, e non a poboación, o que o vai ratificar. Tamén asegurou que o seu compromiso electoral era co Tratado Constitucional (o fracasado Tratado Europeo) e que as "circunstâncias alteraram-se completamente".

Isto produciu un malestar no Bloco de Esquerda (partido formado pola União Democrática Popular -marxista-, o Partido Socialista Revolucionário -trotskista-, e a Política XXI), que decidiu presentar a moción. "Faltar à responsabilidade do compromisso político é pôr em causa o pacto eleitoral com os cidadãos. Governante que mente aos eleitores é um governante irresponsável", dixo o deputado e coordinador da comisión política do Bloco de Esquerda, Francisco Louçã, en declaracións feitas esta terza para reafirmar a decisión de seu partido.

O Bloco tiña o apoio, nesta moción de censura, de dous partidos da oposición, o PCP (Partido Comunista Portugués) e do PEV (Partido Ecoloxista, Os Verdes). Tamén na oposición están o PSD (Partido Social Demócrata) e o CDS-PP (Partido Popular), mais estes dous non van apoiar os bloquistas.

Que acontecería se se tivese aprobado a moción de censura?
A aprobación dunha moción de censura implica, en Portugal, segundo o artigo 195.º da Constituição Portuguesa, a caída completa do goberno.

Mais isto non aconteceu na tarde da quinta, posto que o PS de José Sócrates, no goberno, ten a maioría absoluta na Assembleia da República, con 121 parlamentarios. Por isto a 15.ª moción presentada no Parlamento portugués dende o 25 de Abril de 1974 tiña, dicían esta quinta os diarios do país veciño, o "chumbo" garantido; isto é, fracasa seguro. E así sucedeu.

Nestes 33 anos só o goberno de Cavaco Silva foi botado abaixo por unha moción de censura. Foi en 1987.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: