Un blogueiro estadounidense recibiu a chamada de resposta esta semana na casa dos seus pais.
Un blogueiro estadounidense conta a estraña experiencia que lle aconteceu, probabelmente debida a un erro humano. Esta semana recibiu unha chamada do equipo de apoio técnico de Microsoft na casa dos seus pais. Aínda que nun primeiro momento pensou que se trataba dunha estafa telefónica, BIC, que así se denomina o blogueiro, axiña se decatou de que, dez anos atrás, se comprometeran a chamalo para saber se se solucionara o seu problema informático.
O autor lembrou que o servizo de atención ao cliente de Microsoft ten por costume chamar ao día seguinte de recibir algún tipo de consulta para se asegurar de que a solución dada fora a correcta. Pero, naquela ocasión, cando el aínda vivía na casa dos seus pais, a persoa que o atendeu debeu de cometer un 'pequeno' erro, e, en vez de apuntar como data para devolver a chamada o 7 de xaneiro do 98, trabucou o 9 por un cero. De aí que a resposta chegase dez anos tarde, cando as súas circunstancias, de seguro, xa cambiaron enormemente.