Segundo o descubrimento dun observatorio estadounidense, o choque producirá unha explosión de supernovas nun cuadrante contiguo da galaxia.
Unha enorme nube de gas estase a achegar á nosa galaxia e chocará contra ela provocando unha enorme explosión. Esta é a conclusión de investigadores do National Radio Astronomy Observatory (NRAO) dos Estados Unidos.
A masa de hidróxeno, chamada Nube de Smith polo apelido do astrónomo que a descubriu en 1963, contén gas abondo para crear un millón de estrelas do tamaño do Sol. Mide once mil anos-luz de longo e 2.500 de largo, e atópase a só 8.000 anos-luz da Vía Láctea, á que se aproxima a 240 quilómetros por segundo até impactar no disco galáctico cun ángulo de 45 graos. Isto ocorrerá dentro de entre 20 e 40 millóns de anos, moito tempo para un ser humano pero relativamente pouco a escala cósmica, se temos en conta que a Terra ten 4.500 millóns de anos.
Aínda que nun principio se pensaba que a nube procedía da Vía Láctea e se afastaba dela, os últimos descubrimentos amosan que, en realidade, está a caer cara a ela. No momento da colisión, os astrónomos prevén que se produza un fenómeno que comparan cun espectáculo de fogos artificiais, coa rápida formación de numerosas estrelas que en moitos casos estouparán como supernovas en pouco tempo. Porén, ese fenómeno non se producirá na nosa zona da galaxia, senón no denominado brazo de Perseo.
A nube, composta unicamente de gas, non é visíbel a simple vista, pero ocupa no ceo aproximadamente vinte veces o diámetro da lúa chea.