Segundo as investigacións do corpo armado, existiría unha caste de 'fondo común' entre Batasuna e os dous partidos.
A Garda Civil envioulle á Fiscalía do Tribunal Supremo varias caixas que conteñen documentación bancaria sobre dirixentes e organizacións abertzales que supostamente demostrarían a relación financeira da ilegalizada Batasuna co Partido Comunista das Terras Vascas (PCTV) e Acción Nacionalista Vasca (ANV) a través dunha especie de fondo común.
Porén, este informe non é aínda o definitivo que espera o xuíz Baltasar Garzón para decidir se suspende as actividades do PCTV ou de ANV por ser sucesoras de Batasuna e, xa que logo, formar parte ETA. No caso de que a próxima semana a Fiscalía tramitase unha solicitude de ilegalización e unha suspensión de actividades de ANV, trataríase en calquera caso dunha medida cautelar que aínda que podería servir para impedir a presenza da formación nas próximas eleccións xerais, non tería a forza dunha sentenza firme.
En calquera caso, nin PCTV nin ANV poderían presentarse aos comicios do próximo 9 de marzo, aínda que segundo a Lei, o proceso debería iniciarse, como moi tarde, a próxima semana para poder cumprir os prazos estipulados.