Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'FICCIÓNS ANÁLOXICAS', NO CGAC

A movida galega gravouse en vídeo

A mostra, que recolle o máis destacado da videocreación galega dos anos oitenta, poderá verse en Compostela até o mes de abril.

Marcos S. Pérez / Vídeo: Lucía Iglesias - 11:40 12/01/2008

Houbo un tempo en que a periferia tornou centro, un tempo no que as cousas facíanse porque si. E todo funcionaba, e todo era novo e xenial. Rompedor. Eran tempos en que Vigo e Londres tiñan fío directo, sen pasar necesariamente por Madrid. E Galiza lindaba ao norte con Hamburgo, o Soho ou Berlín. Algo pasou en Galicia hai 25 anos.

Puido ser un conxunto de casualidades, puido ser que coincidiron nun mesmo tempo e lugar un feixe de creadores procedentes de todas as disciplinas (literatura, música, cinema, fotografía, artes visuais) e con gañas de romper coas estruturas estéticas estabelecidas. Puido ser a reacción da Galiza máis vangardista fronte a séculos de arado romano e fronte ao presentido hiperenxebrismo conservador que se aveciñaba. Entre eles xistía a sensación xeneralizada de que había que romper moitas cousas, e de que todo o que facía estaba ben.

As obras expostas

Ficcións analóxicas. O vídeo na Galicia dos oitenta, é unha mostra comisariada por Fernando Suárez Cabeza que recolle os xermolos da videocreación no país, abranguendo un período entre 1984 e 1994. Creadores como Xavier Villaverde, Manuel Abad, Antón Reixa, Ignacio Pardo, Antonio Caeiro, Manolo Romón ou Xosé Búa (presentes na inauguración na súa meirade parte) principiaron a súa actividade a mediados dos oitenta, coincidindo coa chegada a Galicia dos primeiros equipos. Experimentaban, pois, coas ideas e coa técnica a un tempo, e foron vangarda no Estado, de xeito que o primeiro programa do histórico Metrópolis de TVE2 estivo dedicado á videocreación galega.

Ficcións Analóxicas, que estará no soto do CGAC até o 27 de abril, conta con cinco seccións, comezando por unha dedicacad ás creacións en Super 8, entre as que se presentan Strip-tease de Manuel Romón e Hombres Objetos de Julio Correa. Nos restantes apartados destacan Veneno Puro, de Xavier Villaverde, que obtivo o primeiro premio no I Festival Internacional de Vídeo de Madrid e percorreu festivais de cinema de todo o mundo. Tamén Denantes, de Manuel Abad, ou algúns videopoemarios (como os definiu Manuel Palacio) de Antón Reixa, como Salvamento e socorrismo.



As claves do movemento

Unha das claves da emerxencia da videocreación en Galiza atopámola na xestión realizada por Luís Álvarez Pousa á fronte da Dirección Xeral de Cultura. Nesa etapa créanse o Centro Dramático Galego, o Arquivo da Imaxe ou o propio Centro Galego de Arte Contemporánea, e comeza a primeira liña de subvencións ao audiovisual. Asó mesmo comeza o programa Vídeo na Escola, que levou cámaras de gravación a centos de centros educativos de Galiza.

Por suposto, como lembra Fernando Súarez Cabeza, non se pode entender o auxe da video creación galega sen falar previamente da poesía do grupo Rompente (formado por Antón Reixa, Manolo Romón, Camilo Valdehorras e Alberto Avendaño), as creacións de Atlántica (Antón Patiño, Menchu Lamas, Guillermo Monroy, Anxel Huete...) ou a música da chamada movida viguesa (con grupos como Siniestro Total, Os Resentidos ou Golpes Bajos).


4,6/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: