A Coruña, Lugo e Compostela acollerán nas vindeiras semanas concertos de categoría
O xaneiro musical comezará o día 14, coa visita dos Fountains of Wayne, procedentes de Massachusetts. Estarán na Sala Capitol a partir das nove e media do luns, cuns prezos entre os 20 e os 23 euros e teloneados polos madrileños Layabouts. Fountains of Wayne presentan o seu cuarto album, Traffic and Weather. O de Compostela é un dos seis concertos que ofrecerán na Península este ano.
A música continuará o xoves 17, no recinto feiral de Lugo, co concerto da mítica banda de heavy Helloween, acompañados dos tamén alemáns Gamma Ray e Axxis. O concerto comezará ás dez da noite, con prezos entre 22 e 26 euros. A actuación de Helloween, que no Estado só actuarán en Madrid, Bilbao e Barcelona, forma parte do programa de Xoves con Arte do Concello de Lugo.
Pero sen dúbida o concerto estrela do mes será o que ofreca Emir Kusturica na Coruña. Xaneiro xunta música e cinema nos escenarios da cidade, despois da visita de Woody Allen a pasada semana. O director serbio, xunto coa súa banda, a No Smoking Orchestra estará o xoves 24 no Coliseo da Coruña, despois de tocar en Barcelona o día anterior, e de camiño para Porto e Lisboa. Os prezos, entre 20 e 24 euros.
Combat Fest en Bueu
Finalmente, xa o 2 de febreiro, Bueu presentará o concerto doutras dúas bandas de renome internacional, UK Subs e The Vibrators, referentes do punk nos últimos setenta. Ademais, actuarán os californianos Total Chaos, e os galegos Skarmento e Skacha. Será o Combat Fest, que se celebrará sala Zona, no polígono de Castiñeiras. As entradas xa están á venda a un prezo de 16 euros mentres que na billeteira venderanse a 20 euros.