Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ESTRÉASE 'CRISTOVÃO COLOMBO. O ENIGMA'

O novo filme de Manoel de Oliveira defende que Colón era portugués

A película de Oliveira, que acaba de cumprir 99 anos, únese ás teses defendidas por moitos investigadores de Portugal e doutros países.

Redacción - 18:38 09/01/2008
Cristovo Colón

Cristovo Colón

O filme leva á pantalla a teoría de que Cristovo Colón naceu na localidade alentexana de Cuba en 1451, e baséase no ensaio Cristóvão Cólon Era Português, publicado a comezos de 2007 por Manuel Luciano da Silva. De feito, a película recrea o traballo de investigación levado a cabo polo autor e a súa dona, iniciado nos anos sesenta nos Estados Unidos, onde residían. Como curiosidade, o propio Manoel de Oliveira, xunto coa súa muller, interpretan á parella protagonista nos seus últimos anos.

O lugar de nacemento de Colón segue sendo unha incógnita para moitos investigadores de todo o mundo, e moitos defenden, en Portugal e noutros países, que o descubridor do continente americano naceu en Portugal. Outros investigadores, como José-Martinho Montero Santalha defenden a súa orixe galega, baseándose na lingua empregada por Colón nos seus escritos.

O filme, que chega este xoves 10 aos cinemas portugueses, estreouse a nivel mundial na pasada edición do festival de Cine de Venecia, na que recibiu o premio Bisato de Ouro, concedido pola crítica independente. Despois do seu paso pola Mostra, a cinta participou nos festivais de Toronto, Montreal, Rio de Janeiro, São Paulo, Roma e e a Mostra de Cinema da Unión Europea de Washington.

Manoel Oliveira comezou hai escasas semanas a adaptación do relato de Eça de Queiróz Singularidades de uma rapariga loira, que se filmará este ano. O 2008 será un ano de homenaxes para Manoel de Oliveira, que en decembro cumprirá 100 anos.


4,88/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: