Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'CARTA AO SEÑOR FUTURO'

Galeano publicará en galego un libro inédito

A obra, que editará Laiovento en febreiro, compila artigos escritos polo intelectual nos últimos anos en varios xornais de Uruguai e nunca publicados nun libro.

Marcos S. Pérez - 12:48 09/01/2008

A editorial entrou en contacto co escritor uruguaio hai un ano e medio a través de Xosé Manuel Beiras, que coincidira co escritor na celebración dunha das edicións do Foro Social Mundial: "Beiras tróuxome de Brasil unha compilación inédita de artigos de Galeano, e pensei que en Galiza podiamos facer o mesmo, editar un libro inédito", comenta Francisco Pillado, editor de Laiovento. Feito o contacto a través de Beiras, Galeano interesouse pola proposta, sobre todo despois de ver o catálogo da editorial, e o conxunto de autores alí recollidos.

A obra chegará ás librarías a comezos de febreiro, e Laiovento xa está en contacto con Galeano para que o propio autor veña presentar o libro a Galiza, en data aínda por concretar. Os artigos escolmados en Carta ao señor futuro constitúen unha crítica contra as políticas neoliberais e contra os retrocesos nas conquistas da clase traballadora: Así mesmo, pon o énfase na perda de soberanía dos pobos pola dependencia dos gobernos fronte ás grandes empresas, de igual xeito reflexiona sobre as responsabilidades humanas nos chamados desastres naturais.

O libro toma o nome dunha Carta ao señor futuro publicada por Galeano hai uns anos en Uruguai:
Vostede, misterioso señor, é a promesa que os nosos pasos perseguen querendo sentido e destino. E é este mundo, este mundo e non outro mundo, o lugar onde vostede agardada por nós (...) E aí está o problema, señor Futuro. Estamos quedando sen mundo. Os violentos patéano coma se fose unha pelota. Xogan con el os señores da guerra, coma se fose unha granada de man; e os voraces exprímeno, coma se fose un limón (...) Diso se trata, señor Futuro. Eu pídolle, nós pedímoslle, que non se deixe desaloxar. Para estar, para ser, necesitamos que vostede siga estando, que vostede siga sendo. Que vostede nos axude a defender a súa casa, que é a casa do tempo. Fáganos esa gauchada, por favor. A nós e aos outros: aos outros que virán despois, se temos despois.

Eduardo Galeano iniciou a súa carreira como xornalista aos vinte anos, como editor do semanario Marcha, e publicou en 1971 a súa obra máis coñecida, Las venas abiertas de América Latina. En 1973 o golpe militar en Uruguai obrigouno a exiliarse a Arxentina, e en 1976, tras a toma do poder por parte de Videla, marchou a España, onde escribiu Memoria del Fuego. En 1985 regresou a Uruguai.


4,88/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O intelectual uruguaio Eduardo Galeano
O intelectual uruguaio Eduardo Galeano