Emilio Pérez Touriño prevé así mesmo que antes de final de ano vaia adiante a Lei de publicidade intitucional.
Na rolda de prensa posterior á Executiva do PSdeG-PSOE, o líder dos socialistas galegos anunciou que no primeiro semestre de ano o Consello da Xunta aprobará uns doce proxectos de lei, entre os que se atopan oito cuxa entrada no Parlamento xa prometera para antes de que finalizase o pasado ano 2007.
Así, o presidente da Xunta prometeu que antes de xuño estarán aprobados os proxectos de lei de saúde; de servizos sociais; de vivenda; de paisaxe; de residuos; do canon hidroeléctrico; e de pesca, todos eles comprometidas xa para o ano pasado. Canda a eles, aprobaranse os novos proxecto de lei de augas e de participación institucional de sindicatos e empresas. Tamén a lei de prevención, asistencia e integración en materia de drogodependencia; a de turismo; e a de subvencións e doazóns, que presentará o próximo mércores o propio Touriño e o conselleiro de Economía. Neste mesmo ano aprobarase ademais o proxecto da lei de galeguidade.
Touriño admitiu que tanto a reforma da lei da CRTVG coma a Lei de publicidade institucional terán un tratamento máis longo "porque son máis complexas", pero asegurou que en todo caso estarán listas no presente exercicio.