Segundo o BNG local e o académico rianxeiro Xosé Luís Axeitos, a intención da viúva do escritor era doar todo o seu patrimonio, e non só a vivenda, ao pobo.
O académico Xosé Luís Axeitos, que mantivo un estreito contacto con Carmen Muñoz, viúva de Rafael Dieste, asegurou que a venda da casa do escritor rianxeiro ao concello foi fraudulenta. Segundo el e outras testemuñas, a intención da viúva era doar tanto a vivenda como os bens que contiña ao pobo de Rianxo. Porén, o alcalde negociou a adquisición do edificio aos herdeiros dunha parte do mesmo por 300.000 euros.
Axeitos dixo que a única solución que queda é poñerse en contacto cos sobriños do escritor para que impugnen a operación. "Non dubido da boa vontade do alcalde", precisou, aínda que cuestionou o feito de que non se asesorase mediante un servizo xurídico do acordo que se estaba a pechar.
Este mesmo punto foi o que criticou o responsábel local do BNG rianxeiro, Adolfo Muíños: "Soubemos do acordo un día antes da súa sinatura, e non llo puidemos comentar ao alcalde. Foi unha decisión persoal e xestionouse con secretismo".
Xosé Luís Axeitos comunicoulles este mércores a nova a Xesús Alonso Montero e a Isaac Díaz Pardo para que soubesen que todo o legado de Dieste, os cadros, o mobiliario, a biblioteca da vivenda e os dereitos de autor da súa obra, non pertencen a eses herdeiros, pois Carmen Muñoz só era a albacea testamentaria para a cesión de todos eses bens ao pobo de Rianxo.
O BNG de Rianxo criticou esta fin de semana o anuncio de adquisición da vivenda do escritor, polo feito de non incluír os bens de Dieste, e por "premiar con 300.000 euros a actitude dos que venden o que non é deles en exclusiva, pagando o que nunca se debeu pagar porque sempre foi dereito de Rianxo".
Adolfo Muíños criticou especialmente que se les dea relevancia a uns herdeiros que durante quince anos impediron que se cumprise coa vontade da viúva de Dieste de doar aos rianxeiros ese rico patrimonio, que inclúe obras de Luís Seoane, Colmeiro, Maside, Laxeiro, debuxos de Arturo Souto e Isaac Díaz Pardo, unha das poucas coleccións de libros que existían nos anos 30 en Rianxo, mobiliario e os dereitos de autor da obra de Dieste. "Con toda esa colección poderíase ter creado un museo" que serviría de punto de atracción a todos os interesados na vida do literato rianxeiro.
Ademais, o responsábel local do BNG acusou os herdeiros de Dieste de "facer caixa" cuns bens que lle pertencen a todo Rianxo e de ir baleirando a vivenda do escritor de todos os seus bens até a venda da mesma.