Unha enquisa na web da televisión pública dá a escoller entre as estreas do 2007 para que os internautas voten entre elas.
Comeza o ano 2008 e é momento de facer balance do 2007. A Compañía de Radio Televisión de Galicia quere coñecer cales das estreas da temporada tiveron máis éxito entre o público. Para iso puxo en marcha unha enquisa na súa páxina web na que se pode votar e valorar, entre 1 e 5 puntos, cada un dos programas.
Polo momento, a estrea mellor considerada do 2007 é a serie estadounidense 'Heroes', con máis dun 4,3, seguida da serie documental de produción propia 'Historias de Galicia', por riba do 4,1. Séguelle outra produción norteamericana, 'Monk', tamén con máis de 4 puntos, aínda que con moitos menos votos.
Entre as que recibiron máis valoracións atópanse tamén o concurso 'Son de estrelas' e o programa de humor 'Air Galicia'. Porén, o espazo presentado por Teté Delgado malamente acada os 3 puntos. Na parte baixa da táboa están a serie 'A lei da ría', e o concurso 'Buscando estrelas', os menos preferidos polos votantes da web, que non chegan ao 2.
Esta iniciativa da televisión autonómica é a primeira dunha serie de propostas encamiñadas a reforzar a ligazón entre a cadea e a cidadanía, que poderá deste xeito avaliar a programación do medio de comunicación público.