As consellarías de Cultura e Presidencia impulsarán a fundación, un apoio que xa comprometera Touriño en xuño
Xaime Quessada creou a Fundación co obxectivo de custodiar e difundir a obra artística do seu fillo, falecido o pasado ano, e tamén para apoiar os novos creadores. De igual xeito, serviría para asegurar a conservación e exhibición do rico patrimonio de obras da colección particular de Quessada, que pasaría a formar parte do patrimonio fundacional.
En xuño do pasado ano Emilio Pérez Touriño reunírase con Quessada e xa comprometera a participación da Xunta no Padroado da Fundación. Dende aquel compromiso inicial, a Fundación deu os seus primeiros pasos, pero aínda non conta cunha sede fixa, que podería ubicarse en Ourense, pero tamén noutros lugares, como Vigo, Compostela ou mesmo a Cidade da Cultura.
En calquera caso, estábase traballando na preparación dunha exposición antolóxica da obra de Jaime Quessada na Casa das Artes de Vigo. De igual xeito, de cara a 2008 tiña prevista a convocatoria, en colaboración coa USC, do Premio de Arte Novo Xaime Quesada Blanco.
Padroado da Fundación
O padroado da Fundación Quessada Blanco está formado por Darío Villanueva, José Manuel García Iglesias, Pilar Corredoira, José Gómez Alén, Gonzalo Sueiro, Manuel Peña Rey, Santiago Lamas, Miguel Santalices, Xaime Quessada e a súa dona, María Xesús Blanco. O obxectivo é que, ademais, se integren nel o Concello de Ourense, a Deputación Provincial e a Xunta, e prevese crear así mesmo un Padroado de Honra ao que se incorporarían as tres universidades galegas e diferentes artistas da comunidade.