Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SECTOR INMOBILIARIO (II)

Chegará a creba inmobiliaria a Galiza?

O sector da construción empeza a notar unha crise e todo apunta a que os prezos se estancarán ou descenderán lixeiramente. Falamos cos protagonistas do sector.

Lucía Iglesias - 10:00 08/01/2008
Son moitos os colectivos que reclaman unha vivenda digna

Son moitos os colectivos que reclaman unha vivenda digna

Nos últimos meses vense falando sobre a existencia dunha posíbel burbulla inmobiliaria no noso país. Provocada polo incremento dos prezos da vivenda e a incapacidade da cidadanía para afrontar un investimento de tal magnitude, esta burbulla podería rebentar e dar lugar a un descenso no custe dos inmóbeis. Malia que non todo o mundo está de acordo con esta teoría, o que si está claro é que no último trimestre de 2007 a liña de vendas segue a baixar, un feito que pode servir de catalizador para acadar un descenso ou canda menos un estancamento nos prezos da vivenda.

Segundo o colaborador de Vieiros Economía Roberto Río Morán, ten que producirse forzosamente “un axuste dos prezos da vivenda”. Ademais do tipo de xuro e do valor do diñeiro, que se incrementou do 2 ao 4 por cento durante os últimos dous anos, aumentaron as taxas de morosidade, o que fixo que “as políticas de concesións de hipotecas por parte das entidades financeiras sexan moito máis restritivas”, co fin de cubrir as costas ante posíbeis insolvencias.

Mais en Galiza, a crise está a afectar en menor medida que no resto do Estado. O noso país vai con certo retardo no parón económico cíclico que segue calquera economía. Deste xeito, o cambio nas condicións económicas collen á economía galega nun momento no que mantén un forte crecemento, superior incluso á media do Estado e do resto de países da Unión Europea, e uns prezos da vivenda co maior crecemento a nivel estatal durante os últimos dous anos.

Que din os implicados do propio sector?
Para moitos dos traballadores do mundo inmobiliario, este sector está pasando por unha pequena crise, malia isto, non consideran que exista unha burbulla inmobiliaria. O xerente da Asociación de Promotoras Inmobiliarias de Vigo (APROIN), Miguel Fon, opina que a pesar do descenso que veñen notando dende hai medio ano aproximadamente, o prezo dos inmóbeis non van descender. “Os prezos non baixarán tanto como os cidadáns esperan, poden estabilizarse co IPC, mais a vivenda nova seguirá a ser cara. O que si pode baixar é a vivenda de segunda man”, asegura.

Dende as inmobiliarias de mediano tamaño das cidades galegas explícase que “foinos bastante mal nos últimos meses, pero xa virán tempos mellores” segundo indica Luís Chao, dende Lugo. En Compostela opinan que os prezos dos pisos novos non van baixar, mais si o farán os de segunda man e en Vigo aseguran que coa construción de novas vivendas os prezos descenderán. Para Miguel Fon, o final da crise chegará “cando o consumidor colla confianza, porque o descenso das vendas non vén motivado por unha baixada dos salarios nin polo incremento do paro”.

Burbulla ou etapa do mercado?
Os axentes do sector inmobiliario indican etapa de mercado, os economistas, non descartan a posibilidade dunha burbulla. O noso colaborador Roberto Río, explica que “hai unha burbulla inmobiliaria no sentido de que a vivenda aumentou o seu prezo en Galiza nun 250 por cento en tan só 12 anos”, alcanzando prezos insostíbeis que non se corresponden cun aumento sólido da demanda, senón meramente especulativo.

O pinchazo da burbulla, non significaría un descenso en picado dos prezos, senón que estariamos a falar máis ben dun estancamento ou dunha pequena baixada. En palabras de Roberto Río “é improbábel que os prezos máximos alcanzados nos últimos tempos se volvan situar no pico no que están agora”.

Menos demanda, menos especulación, máis pisos baleiros
Aínda que a especulación inmobiliaria sempre foi unha das prácticas máis utilizadas para sacar beneficios no sector da construción, nos últimos tempos isto está a cambiar. Co descenso da demanda xa non compensa mercar sobre plano para logo vender, senón que se destinan os cartos ao mercado bolsista. A vivenda está a deixar de ser un investimento para estar dedicada unicamente á satisfacción dunha necesidade primaria.

O problema sitúase agora nos pisos baleiros que aínda quedan nas nosas cidades. David Brouzos, en representación do colectivo ourensán Vivenda Digna denuncia a situación de milleiros de persoas que non poden satisfacer esta necesidade debido á imposibilidade de pagaren unha hipoteca, ou se ven obrigados a estar pagándoa durante 40 ou 50 anos.

Para Vivenda Digna a día de hoxe non existe liberdade neste senso, xa que só poden acceder a un inmóbel aquelas persoas que reciben unha elevada remuneración polo seu traballo, o que fomenta as desigualdades sociais. “Na sociedade na que vivimos a maioría da xente traballa, pero debido ás diferentes remuneracións non todos teñen as mesmas facilidades para acceder á vivenda”. Incluso non ten que ver co nivel de estudos, “hai moito paro entre a poboación universitaria, ten que ver moito coa sorte, ou en moitos casos co caciquismo”, indica.


5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: