Crónica de Iván Prado, director da caravana solidaria de Pallasos en Rebeldía, un ano máis en Chiapas.
Esta é a terceira e última xornada de formación no centro de Joljá, así que me dispoño a dar o mellor do meu repertorio de exercicios para o espíritu e a conciencia. Empezamos bailando a canción de "Somos viento", de Amparanoia: "non estamos de paso, non somos fracaso" e as emocións e os sudores desátanse por todo o espazo. Os abrazos fanse con liberdade e entrega. É maravillososo ver esta xente que, aínda que ata fai pouco non asimilaban ese nivel de contacto físico, grazas a anos de resistencia e modelo de educación zapatista, son capaces de tumbar fronteiras e límites.
Despois da sudada fraternal, chega o momento de discurso e sensacións fortes, unha intensa visualización que nos guía por unha viaxe interna na que, de ser ceibas pasamos a voar como águia ata convertirnos en homes e mulleres do millo, que forman unha única célula que se transforma en perfecto círculo de loita. Iso fai que as nosas emocións florezan fermosamente na xuntanza de avaliación.
Personalmente quedo superado coa canción de "Todo cambia" de Mercedes Sosa e as palabras dos compas explicando os seus sentimentos e vivencias durante o traballo da mañá, así que mentres falo, inúndanseme os ollos de vagaos. É realmente potente escoitarlos falar de liberdade, de loita e de confianza no futuro.
Pola tarde empezamos cos ensayos. Os compas decidiron que van ser parte da nova compañía de pallasos en rebeldía indixenas e, polo tanto, van facer actuación coa delegación galega nas súas respectivas comunidades.
Impresiona ver o rápido que asimilan as aprendizaxes, como enseguida aprenden coreografías de zancudos, como se paran riba dos meus hombros para facer malabares ou, mellor dito, mevalemadres, que é como lles chaman aquí.
Nun par de horas montamos dúas pequenas pezas de circo aprendidas da familia colombaioni e pola noite pechamos o curso cunha rolda de intervecións que nos deixa a todos co corazón nun puño. Sen lugar a dúbidas, aquí temos un exemplo de resistencia e sobre todo aprendizaje. Aprender a camiñar na Historia sen renunciar á memoria ancestral dos homes e mulleres do millo que primeiro camiñaron cerros e montañas desta xeografía parida nun alumear eterno de beleza e traxedia.
Chega a hora das despedidas, repartense abrazos e zancos e vemos un fermoso documental gravado por Ana Soldevila, a nosa documentalista particular, que fixo un incrible traballo na caravana da Cor da Terra, na que nos coñecemos, e coa que puidemos adentrarnos no corazón desta revolta silenciosa que é o neozapatismo.
Dalgún xeito foi pechar un ciclo. Ver ese documental recordoume que fora esa mesma caravana a que me reenganchou de novo coa loita indíxena de Chiapas e da que, agora máis que nunca, formamos parte en certa medida do proceso revolucionario.
Nunha adega en metade do cerro, cinco internacionalistas e unhas ducias de compas estamos tecendo un novo poema, a loita e a risa camiñando da man.