As persoas pensionistas cobraron de media no país 566,17 euros, 627,24 se se teñen en conta só as xubilacións.
Galiza foi a comunidade autónoma coa pensión media de xubilación máis baixa do Estado: só 627,64 euros, un 18,1 por cento por debaixo do promedio estatal, de 766,52 mensuais. O incremento no último ano foi do 5,2%, segundo datos do Ministerio de Traballo e de Asuntos Sociais.
A pensión media da Seguridade Social, que comprende todas as modalidades, acadou en Galiza os 566,17 euros, fronte aos 678,86 euros mensuais a nivel estatal, cun incremento do 5% con respecto a hai un ano. Pola súa banda, as de incapacidade permanente chegaron en todo o Estado aos 765,46 euros, un 3,9% máis ca en 2006.
O importe do resto das pensións medias estatais foi de 500,35 euros para a de viuvez, de 302,68 para a de orfandade e de 402,46 a axuda en favor de familiares, con incrementos do 4,5%, 5,2% e 6,2%, respectivamente.
A comezos de decembro, a Seguridade Social aboou 8.334.316 pensións contributivas en todo o Estado Español, un 1,3% máis ca no mesmo mes do anterior exercicio. As comunidades autónomas coa pensión media máis elevada, comprendendo todas as modalidades, foron Euskadi, Asturias e Madrid, con 849,85 euros, 821,36 e 806,08 euros mensuais, respectivamente. Do outro lado están Galiza, con 566,17 euros; Extremadura, con 574,77, e Murcia, con 597,57 euros.