O presidente de Venezuela apúntase unha vitoria política e anuncia a súa vontade de retomar a mediación por un intercambio humanitario.
O Goberno colombiano aceptou finalmente a fórmula presentada polo presidente venezolano, Hugo Chávez, para rescatar e pór en liberdade a tres reféns das FARC, e expresou o seu agradecemento ao gobernante venezolano polo "interese" nesta "misión humanitaria". As FARC decidiron hai uns días unilateralmente liberar a tres dos secuestrados como acto de "desagravio" ao presidente de Venezuela e á senadora Pilar Córdoba, quen viñan desenvolvendo unha xestión mediadora entre a guerrilla e o Goberno colombiano que o presidente, Álvaro Uribe, cortou de raíz a fins de novembro.
Segundo os rebeldes, a posibilidade de que os secuestrados volveran coas súas familias frustrárase debido a que o Exército colombiano mantiña as súas patrullas na selva. Porén, os feitos deron un novo xiro cando Chávez presentou no Palacio de Miraflores a súa "fórmula" para a liberación, coa esperanza de que Uribe lle dese luz verde: "non queremos presionar. Respectamos a soberanía e os tempos de Bogotá", dixo. A operación prevé a entrada en Colombia de helicópteros e avións lixeiros venezolanos, que están listos para recoller aos liberados e irán identificados co logotipo da Cruz Vermella, que tamén colabora.
As tres persoas que serán liberadas son a ex candidata á vicepresidencia Clara Rojas, o seu fillo Enmanuel, nacido en catividade, e a ex senadora Consuelo González de Perdomo. Esta será a primeira liberación de reféns das FARC en máis dun lustro.
Kirchner e Restrepo, garantes da operación
A única condición posta por Colombia foi que o Alto Comisionado para a Paz, Luís Carlos Restrepo, representase ao país operativo. O plan de rescate involucra ademais a Francia, Arxentina, Brasil, Ecuador, Bolivia e Cuba, cuxos presidentes nomearon comisionados para participar na operación. O propio expresidente arxentino, Néstor Kirchner, viaxará a Bogotá como "garante".
"Non buscamos réditos propios", dixo un Chávez consciente de que tivo unha vitoria política. O xesto das FARC, dixo, "énchenos de esperanza de que máis antes que despois se resolverá a situación dos demais reféns. Ogallá que no próximo grupo veña a nosa amiga Ingrid Betancourt", engadiu. Chávez indicou ademais a súa disposición a retomar a mediación por un intercambio humanitario en Colombia "pasando por alto todo o que ocorreu".