Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na comisión bilateral Xunta-Estado

Comeza o trámite para o traspaso das nove competencias prometidas

A reunión deste mércores en Madrid inicia o proceso burocrático para a incorporación por parte do Goberno das transferencias acordadas na xuntanza Zapatero-Quintana.

Redacción - 09:00 26/12/2007

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, recordou que á volta da reunión da comisión bilateral, na que el mesmo participará este mércores, está convocado un pleno extraordinario no Parlamento para tratar, entre outros, a proposición de lei para solicitar, por vía de lei orgánica, a transferencia a Galiza de Tráfico e Seguridade Viaria.

O encontro á volta do Nadal no Ministerio de Administracións Públicas entre os representantes do goberno español e do executivo galego, servirá para comezar "o proceso administrativo para o traspaso real de nove competencias básicas para o autogoberno". Quintana destacou este chanzo o pasado venres, durante a súa participación no Consello Territorial do Sistema para a Autonomía Persoal e Atención á Dependencia, co que arrincaron os trámites administrativos para poñer en marcha o transporte adaptado co que Galiza disporá en 2009 "con 300 vehículos que beneficiarán a unhas 100 mil persoas".

A comezos de mes, Zapatero comprometérase a traspasarlle á Xunta a titularidade entre outros do Museo de Belas Artes da Coruña; o Museo do Castro de Viladonga; o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense; o Museo de Artes e Costumes Populares “Casa Martín Vázquez (Ourense); e o Museo das Peregrinacións de Santiago. Tamén se acordara o traspaso en xestión e bolsas e axudas ao estudo; a expedición de titulos académicos non universitarios; a declaración de utilidade pública de asociacións; ou o traspaso da titularidade do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas ou na titularidade do Hospital Básico da Defensa de Ferrol.

O calendario de traballo tamén inclúe a convocatoria para o 8 de xaneiro da sinatura do convenio de acordo entre Vicepresidencia e o ministro de Traballo, Jesús Caldera, para o pagamento de 51 millóns de euros en concepto de débeda histórica en materia social en Galiza. Esta partida será destinada a dous centros de atención diúrna para discapacidade intelectual, outros dous de atención diúrna para persoas que sofren dano cerebral e 26 centros de día para persoas dependentes, que se executarán no próximos dous anos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: