Ademais da proxección da curtametraxe, os asistentes poderán descargar por Bluetooth contidos adicionais.
Cartel d'O Inquilino
Ourense foi o lugar escollido para dar comezo ao proxecto de REDestreas, da Axencia Audiovisual Galega en colaboración coa Consellaría de Cultura, e O inquilino, a curta escollida para facelo. Este traballo audiovisual, gravado integramente na cidade das Burgas, conta ademais cun atractivo engadido, xa que todos os asistentes poderán descargar ao seu teléfono móbil, mediante a tecnoloxía Bluetooth, a sinopse e o tráiler da obra.
O inquilino, dirixida por David González, conta unha inquietante historia sobre dous estudantes calquera en calquera universidade que teñen os típicos problemas económicos, e que os impulsan de continuo a tentar alugar o terceiro dormitorio da vivenda, aínda que isto non resulta tan doado como nun principio puidera parecer, xa que o cuarto prohibido non é apropiado para calquera inquilino.
A proxección terá lugar a o sábado 22 a partir das 22:00 no Auditorio Municipal de Ourense. E seguindo con estreas, en Burela proxectarase o domingo 23 a curta titulada O cerco, na que Martiño Vázquez afonda no horror e irracionalidade das guerras. Unha perspectiva abstracta sobre os conflitos bélicos.