Cultura investirá un total de 1.300.000 euros na campaña, que comezará antes do 23 de abril, Día Internacional do Libro
A proposta ten un triple obxectivo: integrar a lectura entre os hábitos da poboación galega, favorecer o mercado do libro e promover a utilización das bibliotecas públicas.
A campaña desenvolverase ao longo de 2008 e 2009 e nela investiranse 1.3 millóns de euros. Crearase un novo logotipo e desenvolverase unha estratexia completa de comunicación, que incluirá tamén accións na rúa para achegarse ao público, poñendo especial atención en datas de relevancia especial. Deste xeito, a campaña iniciarase antes da conmemoración do 23 de abril de 2008, Día Internacional do Libro.
Esta iniciativa encádrase dentro do Plan da Lectura, que presentou Ánxela Bugallo no Parlamento en outubro. O plan integra todos os esforzos que se realizan para incrementar o hábito da lectura e fortalecer todos os actores do sector, desde libreiros a bibliotecas ou editores, para o que se prevé un investimento total de 50 millóns de euros até o ano 2011.