O texto denuncia ás institucións públicas, "que semellan mirar para outro lado", e advirte da "caída en picado" da empresa.
O manifesto difúndese a pouco máis dun mes da xunta de accionistas de Sargadelos que, como se prevé, apartará definitivamente da empresa a Isaac Díaz Pardo, cesándoo como conselleiro delegado do Instituto Galego da Información (IGI).
No texto lémbrase o labor desenvolvido por Díaz Pardo á fronte de Sargadelos e O Castro, da súa importancia empresarial e cultural, e do seu traballo no mantemento da memoria da represión da guerra e a posguerra, así coma dos exiliados. O manifesto denuncia "o silencio público mesturado con informacións confusas", así coma o labor das institucións públicas, "que semellan mirar para outro lado".
Así mesmo, chama a atención sobre o que considera "a caída en picado dunha empresa (Sargadelos) que acaba de vender a súa tenda en Milán e vai facer outro tanto en Lisboa", cando, na opinión dos asinantes do texto, "nos representa a todos".
O manifesto conclúe afirmando que "se seguimos calados seremos cómplices da inxustiza que se está realizando con Isaac Díaz Pardo e coa memoria cultural de Galicia".