Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Este sábado, en Compostela e en Vigo

Máis de 200 persoas piden a liberdade dos tres independentistas detidos "por defenderen a terra"

Redacción - 10:55 16/12/2007

Ao redor dun cento de persoas participou na tarde do sábado en Compostela e perto de 150 en Vigo en senllas concentracións convocadas polo colectivo Ceivar para reclamaren a liberdade dos tres detidos este venres en Portosín (Noia), a que din están "acusados de defender a terra".

En Compostela, os manifestantes reuníronse na Praza de Cervantes, no casco histórico da capital, onde tres furgóns blindados da Policía e 12 antidisturbios desprazados até o lugar agardaban por eles, e que escoltaron a marcha deica á rúa de San Pedro, onde se leu un comunicado.

En Vigo, a manifestación partiu de Princesa, que foi tamén acompañada dun amplo dispositivo policial polo paseo de Afonso XII, e difundiuse o mesmo manifesto.

No texto, os concentrados denuncian que os detidos, sometidos á Lei Antiterrorista (que permite manter incomunicados aos detidos até cinco días), corren "alto risco de seren obxecto de torturas". Así, censuran que "namentres os políticos que expolian a terra están a comer marisco e a se enriquecer", os arrestados "están a ser maltratados".

Manipulación dos medios de comunicación
Tamén acusan os medios de comunicación de manipularen á opinión pública por trataren aos tres mozos coma "terroristas, cando só están acusados por defender a terra". "Non son criminais, senón persoas comprometidas co seu país", asegurou un dos portavoces.

Á fronte da mobilización compostelá varias persoas portaban unha pancarta co lema 'Liberdade para os independentistas. Defender a terra non é un delito'. Entre as consignas coreadas estaban 'Caña, caña, caña, contra a mafia inmobiliaria', 'Audiencia Nacional, secuestro legal', 'Aquí se tortura como na ditadura', ou 'Non son terroristas, son independentistas'.


4,52/5 (31 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: