Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Comunicado

A ETA anuncia que matará policías españois "sexa onde sexa"

Reivindica as mortes dos dous gardas civís en Capbretón. O goberno vasco afirma que "a violencia e as execucións sumarias non deciden o futuro" do pobo vasco.

Redacción - 12:25 15/12/2007

A ETA anunciou este venres nun comunicado, publicado integramente este sábado nos diarios Gara e Berria, que atentará contra os membros das Forzas de Seguridade do Estado "sexa onde sexa".

Ademais reivindicou a "execución" en Capbretón, durante un "enfrontamento armado", de dous gardas civís: "O 1 de decembro, en Capbreton, a ETA respondeu ante a incesante presión das forzas armadas de España contra os militantes vascos".

Isto desbota a hipótese coa que se especulou nos últimos días de que o ataque fose perpetrado por etarras que non tiñan autorización da dirección, posto que unha acción deste tipo supuña unha provocación ao Estado Francés sen precedentes.

Resposta do goberno vasco

Pola súa banda a voceira do goberno de Euskadi, Miren Azkarate, advertiulle á ETA este sábado de que "a violencia e as execucións sumarias non deciden o futuro" do pobo vasco e asegurou que a banda terrorista "non vai impedir facer política nin que a sociedade sexa consultada".

"Non ficaremos quedos, avanzaremos con decisión polo camiño da democracia e da política. O noso futuro non está nas vosas mans (pola ETA), senón nas nosas. E por iso dicimos non á ETA , non á morte e ao asasinato, e si á sociedade e á iniciativa política", subliñou.

"Aínda é capaz de afirmar con perversa frialdade que executou dous gardas civís. Non executou a ninguén, asasinou dous mozos, asasinou todas as ilusións e esperanzas que ten a vida. E non hai que buscarlle máis explicacións porque non hai xustificación posíbel, porque quen mata a sangue frío aos seus semellantes comete simplemente un asasinato", engadiu.


3/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: