Hai uns 30 anos comezaron a construír na zona, e os propietarios puxéronlle cancelas á súa urbanización.
O camiño en cuestión leva ao faro de Punta Couso, pero é moi difícil chegar pola estrada, porque unha enorme cancela de ferro e un garda de seguridade están alí para impedir o paso.
Na zona, ademais dunha vella fábrica de salgado, hai varias calas, ás que debería poder acceder todo o mundo, mais os veciños da urbanización teiman en facela privada e queren prohibir o paso. De feito, levan xa tempo a preitos co dono dunha casa rural que está a carón dos seus chalés, pois, segundo din, o camiño é de titularidade privada, e ninguén, agás os residentes, pode pasar por el.
Agora a Concellaría de Urbanismo de Cangas, dirixida por Mariano Abalo, vai abrir unha investigación para saber a quen pertence realmente o camiño e para saber se hai algunha irregularidade nas construcións da zona.
De quen é o camiño? é duns poucos ou é de todos?
Abalo contoulle a Vieiros que a intención da súa concellaría é reunir información para poder levala ao pleno do día 21. Ao parecer, segundo Abalo, os propietarios da zona valada queren facerse co camiño, mais cando foron pedir as súas respectivas licenzas de obras recoñeceron o carácter público do mesmo (para que as licenzas sexan válidas, o camiño a carón do que se erguerían os predios tería que ser de uso público). "Conseguido isto, cambiaron a súa versión", dixo Abalo, asegurando que os veciños da urbanización mesmo poderían ter falseado documentación pública para conseguir as súas arelas: "Hai pouco modificouse o carácter catastral da zona para darlle titularidade privada", salientou.
O concelleiro de urbanismo de Cangas tamén falou das vivendas da zona (unhas nove), mais dixo non ter datos que acrediten presuntas irregularidades na súa construción, posto que todas elas tiñan licenza en regra. Mais a seguir destacou que na estudo do PXOM, o concello vai revisar a situación na que quedarían os chalés de Punta Couso, aproveitando o traballo de investigación agora comezado.