Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
TV-MOVIE BASEADA NUN CONTO DE DARÍO XOHÁN CABANA

Quilmas salta á pantalla grande en 'A Mariñeira'

O filme, dirixido por Antón Dobao e coproducido polas televisións públicas de Galiza e Cataluña, estrearase o mércores 19 en Compostela.

Marcos S. Pérez - 09:00 17/12/2007

A Mariñeira de Quilmas está dirixido por Antón Dobao, que tamén escribiu o guión, en colaboración con Xavier Cordal. Entre os actores, destacan Camila Bossa, Monti Castiñeiras, Josep María Pou, Antonio Durán Morris, Tamar Novás, Rubén Riós, Pepe Penabade ou Suso Lista. Conta a historia de María, Pandullo e a súa filla Rosa, que viven tranquilamente en Quilmas até a sublevación fascista de 1936. Tanto os que se botan ao monte como os que morren deixan as súas familias soas. É por iso que María, a mariñeira de Quilmas, tense que facer cargo da casa, loitando para sacar adiante aos seus fillos.

A adaptación do conto orixinal de Darío Xohán Cabana, dunhas seis páxinas, é fiel, pero de igual xeito vese influída pola situación que vive a aldea e o porto de Quilmas, ameazados pola ampliación da planta acuícola alí existente prevista no Plano Acuícola da Xunta. De feito, nunha breve trama paralela, que transcorre na actualidade, faise unha sutil referencia ao conflito. Antón Dobao salienta, a este respecto, á colaboración dos veciños, que facilitaron a filmación no propio porto histórico de Quilmas.

O telefilme está producido pola CRTVG e Ficción Producciones e conta coa coprodución catalana de Diagonal Televisió e da Televisió de Catalunya, que achegan persoal técnico e catro actores que tamén rodaron en lingua galega. O acordo que vincula ás televisións públicas de Galiza e Catalunya garante a produción conxunta de dous filmes ao ano, un en cada país, rodados orixinalmente na lingua propia e contando con actores e persoal técnico de ambos os dous territorios.

A Mariñeira estrearase o mércores 19 no Teatro Principal de Compostela a partir das oito da tarde.

Promovendo as adaptacións literarias en galego
O filme pertence ao proxecto Un mundo de historias, unha liña de traballo creada por Antón Dobao en 1999 co obxectivo de realizar e promover a realización de adaptacións audiovisuais de obras literarias galegas, e que permitiu levar á televisión en forma de miniserie creacións de Castelao, Méndez Ferrín, Dieste, Fole, Blanco Amor, Casares e Otero Pedrayo. En 2005 deuse o salto ás longametraxes con Pataghorobí e A biblioteca da iguana, baseados en relatos de Xosé Cid Cabido e Xosé Miranda, e en 2006 realizouse a adaptación da novela de Alfonso A. Cáccamo O bosque de Leva.

A Mariñeira é algo máis ca unha película. En primeiro lugar porque, canda ás restantes producións enmarcadas en Un mundo de historias, constitúe unha rara excepción, unha longametraxe rodada orixinalmente en lingua galega. En segundo lugar porque coa súa realización preténdese avanzar na vinculación entre o audiovisual e a literatura en Galiza, promovendo e incitando a realización de adaptacións de obras de calquera xénero e facilitando a incorporación dos propios autores literarios ao audiovisual, formando parte dos equipos de guionistas. En palabras de Antón Dobao, "pretendemos crear un espazo que non existe, incitar, demostrar que se pode facer".

Para Dobao, resulta difícil falar dun audiovisual galego cando a inmensa maioría das producións ródanse orixinalmente en castelán e Galiza "emprégase unicamente como un plató, un decorado". "Do mesmo xeito que consideramos que a literatura galega é a que se escribe en galego, hai un audiovisual galego que se realiza orixinalmente en galego", conclúe Dobao.


4,74/5 (34 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cartaz da película
Cartaz da película
O filme rodouse en Quilmas, espazo ameazado polo Plano Acuícola
O filme rodouse en Quilmas, espazo ameazado polo Plano Acuícola