Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Chega OVARALMORSE

Xa podes coñecer os resultados da Liga Nacional de Billarda en tempo real

Esta fin de semana as dúas conferencias da LNB (NorLeste e NorOeste) xogan cadanseu partido. Agora, a través do móbil, han enviar os resultados directos a un seu novo blogue.

Redacción - 10:35 15/12/2007
Despois de Tele-Varal, a tecnoloxía volve á LNB coa actualización blogueia vía-móbil

Despois de Tele-Varal, a tecnoloxía volve á LNB coa actualización blogueia vía-móbil

Xa vos contabamos dende Vieiros que Blogaliza instalou un novo sistema que permite actualizar a bitácora a través do móbil.

Esta novidade tecnolóxica foi aproveitada por O Varal, a asociación que organiza a LNB, a auténtica, e xa puxeron en marcha un novo blogue (OVARALMORSE) que recollerá os resultados dos seus partidos (os das dúas conferencias) en tempo real, é dicir, así como terminen, uns minutiños despois.

Este domingo, ademais, a LNB volve co Torneo do Galo e a 2ª xornada da historia da Conferencia NorLeste.

"Un galo e o empurre do noroeste fan tremer Galiza"
O domingo xogan ámbalas dúas conferencias; a NorLeste enfróntase a si mesma e a quen queira participar no IV Torneo do Galo, o gran Open Billardeiro, que se ha desenvolver en Ribadeo, na pista multiusos do IES Dionisio Gamallo. Alí, os mellores palanadores e palanadoras d'A Auténtica hanse loitar entre eles, porque só pode quedar un (o que leve o galo!).

Segundo contan dende O Varal, trátase dun "torneo aberto para todos os cazarrecompensas e sicarios do palán". As fases clasificatorias comezan ás as 11:30 horas, e a partir das 16:00 os xogadores "bateranse a morte na pista por facerse co galo".

Recomendan tamén andar moi atentos, porque o mercado do inverno está aberto, e pode ser que os "axentes libres" que participen no torneo sexan recrutados como reforzos para o gran zafarancho de combate no que se vai converter o tramo final de competición.

Isto acontece na Mariña... mais que pasa na outra conferencia?

Pois na outra conferencia, a NorOeste andan a "afiar os dentes e a amarrar as cinchas para baterse e morte no seu segundo asalto da tempada".

Con luz artificial e a partires das 19:30 horas da noite os billardeiros do norleste hanse xuntar na coruñesa pista da Zapateira para botar o seu segundo asalto. Até o de agora, Fran dos Xarutos vai de primeiro, con 6 puntos, pero as cousas poden mudar moito, porque aí andan, a pisarlle os pés, Jairo, dos Centolos Rabudos, e Sak, d'Os Electrónicos, cos mesmos puntos aforrados.

E por se non queda claro de que vai a cousa...

Velaquí vai un vídeo (estrea mundial); un arrepiante documento no que se pode apreciar a outra cara da moeda dos máis dexenerados deportistas da billarda, Rueiros (é o título).


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: