Asegúrao o presidente do PP lugués, Xosé Manuel Barreiro, para quen o seu partido estaría en condicións de recuperar espazo nunha provincia da que o PSOE "se esquece".
Apenas a erosión da maioría absoluta do PSOE na capital provincial foi boa noticia para o PPdeG en Lugo nos últimos tempos. Despois de vivir a traumática caída do cacharrismo e perder o histórico bastión de poder na Deputación de Lugo, as próximas eleccións xerais ofrecerán resposta sobre os prognósticos de recuperación ou caída do papel do PP nesa provincia.
O actual presidente do PPdeG lugués, Xosé Manuel Barreiro, ofreceu este luns a súa particular análise. Na defensa da súa posición argumentou os "incumprimentos" que na súa opinión tiveron os socialistas respecto da provincia, e referiuse á nova ponte pendente sobre o Miño na cidade, ás requiridas autovías Lugo-Santiago e Lugo-Ourense ou ao Centro Tecnolóxico Agroalimentario, do que dixo que "só existe nos papeis". Barreiro, quen nesta altura aínda non ten claro se o seu propio futuro político pasa por algún posíbel asento no Senado ou pola continuidade a pé de concello e Deputación, agarda que o reparto en 2008 volva darlle tres escanos ao PP (en 2004 foran dous escanos para PSOE e dous para PP).