Samuel Meilán e Nerea Alamancos obtiveron o título na modalidade de Técnica. A selección infantil gaña os estatais e os sénior fican segundos.
Os dous deportistas compiten na categoría de Parellas, e foron convocados pola selección española para este europeo despois de acadar o título de Campións Estatais e, o pasado mes de novembro, a medalla de Bronce no Campionato do Mundo celebrado en Corea. Tanto Samuel como Nerea teñen unha ampla experiencia internacional a pesares do novos que son, pois son integrantes tamén da Selección Galega de Exhibición Sénior que acostuma facer xiras internacionais. Desta volta tiveron que renunciar a participar coa Selección Galega no Campionato Estatal de Exhibición para preparar a cita europea.
Na cidade de Antalya, en Turquía, os galegos tiveron unha brillante actuación na que se coordinaron e sincronizaron á perfección. Tanto na primeira rolda coma na segunda obtiveron as puntuacións máis destacadas na execución dos chamados pumse. Na terceira rolda a presión do público anfitrión fixo que a parella turca recibira unha puntuación máis alta, superándoos por unha escasa décima. O terceiro lugar ocupárono, empatadas, as parellas de Francia e Italia.
A Selección Galega de Taekwondo Infantil, Campioa de Estatal
O combinado galego, integrado por 9 deportistas de entre 10 e 15 anos que adestran no club Olimpic de Vilagarcía, fixo unha actuación case perfecta na que a coreografía de defensa persoal, rompementos e acrobacias estivo milimetricamente estudada para superar tanto en dificultades como en orixinalidade ás máis directas rivais.
Galiza recuperou así a supremacía da modalidade na que ten acadado historicamente o primeiro posto de xeito continuado, tomando o desquite do pasado ano no que fora apeada do podio na modalidade infantil. Os deportistas que gañaron esta fin de semana o título estatal foron Francisco Padín, Cristian Gómez, Cristian Reino, Pablo Fresco, David Fresco, Pablo Patiño, David Dovalo, Jorge Pérez e Alicia Córdoba.
A Selección Galega de Exhibición Sénior, que acadara o pasado ano o título de Campioa Estatal, non puido repetir o triunfo (faltábanlle Nerea e Samuel, había un lesionado e a orde de saída -primeiros- non foi a que máis lles conviña), tendo que conformarse con ser subcampioa.