Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No marco do proxecto europeo DESQOOP

As cooperativas transfronteirizas estimularán a relación comercial Galiza-Norte de Portugal

Prepárase en Verín o Centro de Desenvolvemento Transfronteirizo. O obxectivo concreto é incrementar un 15% o intercambio económico.

Redacción / EP - 09:00 10/12/2007

O proxecto europeo de Desenvolvemento rural Transfronteirizo de Base Cooperativa, DESQOOP, estuda as vías para aproveitar as sinerxías económicas da zona interior de Galiza e o Norte de Portugal a través das empresas de economía social. O centro que desde o comezo de 2008 funcionará en Verín pretende contribuír a explorar esa vía de intercambio.

Parte dunha análise previa do contexto socio-económico das bisbarras ourensás de Verín, A Limia, Viana, Baixa Limia e Celanova, e dos municipios limítrofes de Portugal (Chaves, Terras de Bouro, Boticas e Montealegre, entre outros). O estudo detectou problemas comúns, entre outros: a acusada perda de poboación e o seu envellecemento, unhas infraestruturas de comunicación "deficientes" e un tecido empresarial débil e cun "preocupante estancamento". Fronte a esa situación, o programa nace coa intención de lanzar dous centros de desenvolvemento cooperativo, un en Galiza e outro en Portugal.

Unha iniciativa que achegará ideas para o cooperativismo en todo o país
O centro de Verín proporcionará asesoramento e formación en proxectos de cooperación, contará cun viveiro de empresas cooperativas, disporá dunha tenda na que se farán promoción dos produtos e servizos cooperativos, habilitará redes telemáticas sen cabo para salvar as dificultades de comunicación da zona e ofrecerá espazos que permitan a celebración de congresos ou cursos de formación.

A subdirectora xeral de Cooperativas da Consellaría de Traballo, Dolores Tobío, declarou a Europa Press que se trata dun proxecto "moi ilusionante e totalmente novidoso" que, aínda que en principio está dirixido á bisbarra de Verín, "nun futuro poderá ser utilizado polas cooperativas que sexa necesario". Ademais, resaltou a importancia das empresas de economía social e apostou por extrapolar iniciativas como esta a outras zonas da comunidade.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: