Os responsábeis das respectivas consellarías de Cultura asinan un acordo histórico este luns.
Será en primeiro lugar unha chamada ao respecto á diversidade cultural que existe no Estado. Ese é un dos obxectivos do acto convocado para este luns no Centro Galego de Arte Contemporánea e que reunirá os responsábeis de Cultura de Euskadi, Cataluña e Galiza. Nese sentido, a declaración institucional diríxese á sociedade en xeral e tamén de xeito específico ao Ministerio de Cultura, solicitándolle sensibilidade nesa arela a prol da diversidade.
Pero existirá ademais un compromiso máis amplo. Así, e se ben xa se fixeran achegas á colaboración no marco cultural aínda que de xeito bilateral, Euskadi, Cataluña e Galiza comprométense agora a avanzar nunha proposta multilateral máis ambiciosa. Joan Manuel Treserras, conseller catalán, Miren Azkárate, conselleira vasca, e Ánxela Bugallo, conselleira galega, expoñerán as bases de onde partirá unha estratexia conxunta que pretende ir máis aló dunha simple declaración de intereses e na que se leva traballando arredor dun ano.