Segundo denuncia o BNG, a propia comisión de goberno foi a que designou ao parente do rexedor.
Frades
Para ser técnico de normalización lingüística en Frades (Ordes) non fai falta ningún tipo de especialización, denuncia o BNG da localidade. Segundo a concelleira nacionalista Marisol García, o alcalde fradense, Miguel Prado (PPdeG), “colocou” un seu irmán no posto a pesar de que carece de calquera tipo de formación específica xa que “este señor só dispón do bacharelato”.
O Bloque presentou xa no consistorio un recurso de reposición. A voceira nacionalista sinala que se decataron da manobra cando estaban a ler unha acta dunha comisión de goberno. Na mesma comprobaron que Xoán Carlos Prado fora nomeado técnico de normalización lingüística polo propia comisión de goberno fradense. Marisol García argumenta que os responsábeis políticos non poden intervir no proceso de selección de persoal contratado polo Concello. Ademais dase a casualidade de que o irmán do alcalde desenvolvía até o de agora funcións de secretario no xulgado de paz da mesma localidade.