Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Ao non se clasificar Pilar Hidalgo esta fin de semana

De momento os galegos olímpicos quedan en catro: Cal, Gómez Noya e a parella Paz-Echávarri

Até o de agora son estes, e aspiran a traer catro ouros para Galiza en Beixín 2008.

Redacción - 12:15 03/12/2007
Cal coa medalla de ouro e co seu adestrador, Suso Morlán, en Atenas 2004

Cal coa medalla de ouro e co seu adestrador, Suso Morlán, en Atenas 2004

Aínda fican algo máis de 240 días para os Xogos Olímpicos, e moitas cousas poden acontecer, pero polo de agora son estes catro os galegos xa clasificados para competir en Beixín contra os mellores deportistas do mundo: David Cal en piragüismo; Xavier Gómez Noya, en triatlón; e os regatistas Antón Paz e Fernando Echávarri, todos actuais campións do mundo nas súas disciplinas.

Os catro son favoritos para traer medalla de volta, e formarán parte dunha expedición formada por 22 deportistas estatais.

As medallas de Cal
David Cal ha chegar á cita chinesa coa experiencia obtida en Atenas en 2004 onde gañou dúas medallas (unha prata e un ouro). Agora volve aspirar a dous ouros nas probas de C-1 de 500 e 1.000 metros, se lle deixa o seu principal rival, o alemán Andreas Dittmer. Hai nada o de Aldán gañaba un ouro e un bronce nos mundiais de Duisburgo, e segue cos seus adestramentos de máximo nivel.

Gómez Noya xa coñece o percorrido de Beixín

O que lle dá máis unha vantaxe ao mellor triatleta galego de todos os tempos. Gómez Noya é o actual Campión do Mundo da Copa BG de Triatlón (que xa gañou, con esta, dúas veces) e ademais é prata no Mundial de Hamburgo. Todo isto xunto fai que el sexa o rival a bater en Beixín. Serán os primeiros xogos do ferrolán, quen xa coñece o percorrido do circuíto olímpico, xa que esta ano desenvolveuse nel unha das probas oficiais da Copa do Mundo. A súa experiencia sobre centos de podios por todo o mundo hanlle quitar medo ante as súas primeiras Olimpiadas.

Echávarri e Paz, campións do mundo en clase tornado

Os dous regatistas tamén teñen experiencia olímpica, e hai uns meses gañaron o mundial na clase tornado en Cascais. En Beixín Fernando Echávarri e Antón Paz poden demostrar por que son os mellores do mundo no seu.

Pilar Hidalgo perde a oportunidade olímpica
A triatleta galega ficou de 20ª esta fin de semana na última proba do Copa do Mundo en Eilat (Israel), perdendo a súa oportunidade de coller unha praza de seu para Beixín 2008. Pilar, que xa participou en Atenas 2004, fixo todo o percorrido en 2:06:00, algo máis do que a suíza Nicola Spirig, que gañou a proba. No lugar de Hidalgo poderíase clasificar a triatleta vasca Ainhoa Murua, 5ª en Israel no que foi o seu mellor resultado en 2007.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Echávarri e Paz, a bordo do seu clase tornado
Echávarri e Paz, a bordo do seu clase tornado
Gómez Noya, este ano suando en Salford, nunha proba da Copa do Mundo
Gómez Noya, este ano suando en Salford, nunha proba da Copa do Mundo
Hidalgo non se puido clasificar. Aínda faltan moitos nomes do deporte galego por incluir na listaxe de olímpicos
Hidalgo non se puido clasificar. Aínda faltan moitos nomes do deporte galego por incluir na listaxe de olímpicos