Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
30º ANIVERSARIO DA FEDERACIÓN QUE OS AGRUPA

Os libreiros cren superada a crise provocada pola gratuidade dos libros de texto

Xaime Corral, presidente da FLG, destaca a cohesión do sector e asegura mirar o futuro con optimismo

Redacción - 09:46 30/11/2007

As librarías galegas son moi dependentes dos libros de texto, pois aínda que o 15 por cento dos puntos de venda, os máis especializados, non se ocupan da súa venda, entre as restantes este tipo de obras supoñen entre o trinta e o sesenta por cento dos seus ingresos. É por iso que cada medida adoptada pola administración en relación cos libros escolares ten unha incidencia enorme, e nos últimos anos sempre negativa, sobre o gremio.

Así e todo, cando se lle pregunta a Xaime Corral, presidente da Federación de Libreiros de Galicia (FLG), sobre a situación do sector, este salienta, sobre todo, a súa cohesión e unidade, que posibilitou, dixo, "que a sangría dos últimos anos se cortase", e que lle permite mirar o futuro con esperanza e optimismo. Corral destacou, ademais, a boa relación que manteñen coa Administración, en especial coas consellarías de Cultura, Educación e Industria.

Tamén é optimista o libreiro Xosé Antón Pedreira, que advirte unha "situación estábel" na actualidade, despois dos peches provocados polas medidas adoptadas pola administración sobre os libros de texto. Pedreira é igualmente optimista sobre o propio futuro do libro galego, salientando sobre todo a aposta de Rinoceronte e Galaxia a prol das traducións.

Homenaxe a Xesús Couceiro
O domingo 2 de decembro a Federación celebrará en Compostela o acto de conmemoración dos trinta anos da súa fundación, en 1977. Será un evento "familiar", en palabras de Xaime Corral, ao que asistirán a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o tenente alcalde da cidade, Néstor Rego. Nese acto ofrecerase unha homenaxe ao primeiro presidente da federación, Xesús Couceiro Rivas, propietario ademais da libraría Couceiro.

Ademais, a finais de decembro a Federación presentará un detallado informe, encargado á USC, no que se ofrecerá unha foto fixa da situación do sector. O estudo analizou máis de 200 puntos de venta en toda Galiza e recolleu ademais datos e opinións entre distribuidores, bibliotecarios e editoriais.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: