O maxistrado granadino chamou a declarar a varios científicos do Banco Andaluz de Células Tronco, despois da denuncia dunha colaboradora galega da emisora Radio María.
Radio María, a rede Hazte Oír, o Foro da Familia ou Redmadre, son un conxunto de asociacións ultraconservadoras promotoras de campañas diversas, teñen saltado aos medios o mesmo pola súa denuncia da práctica do top-less nas praias que polas campañas contra o aborto ou contra a materia de Educación para a Cidadanía.
Desde este ámbito sae tamén con forza a oposición á investigación con células nai. Pero á campaña de presentación de denuncias en xulgados de todo o Estado só foi receptivo de momento un xuíz de Granada, despois da queixa presentada por unha galega. Segundo lle explicou a denunciante, Carme Areoso, de 74 anos e colaboradora de Radio María, á prensa andaluza, a denuncia segue adiante grazas "á gloria de Deus e a ter atopado un xuíz sensíbel e con conciencia".
O maxistrado citou a declarar a catro científicos do Banco Andaluz de Células Tronco, localizado en Granada, para preguntarlles polas súas investigacións. A denuncia presentada por Carme Areoso argumentaba que a investigación realizada por estas persoas supón "un atentado contra a vida".