Científicos estadounidenses descobren unha proteína da próstata que elimina as células tumorais respectando as sas.
Rato de laboratorio. Flickr: Rick Eh?
Investigadores dos Estados Unidos están a estudar un rato que, trala súa modificación xenética, mostra a sorprendente capacidade de non desenvolver o cancro, incluso despois de que lle fose introducida a enfermidade mediante xenes cancerosos. O resultado destas análises non queda aí, xa que o rato chega a vivir máis que o resto dos animais da súa especie.
Estes estudos, realizados por un equipo da Universidade de Kentucky, baséanse na investigación sobre o xene Par-4, identificado por primeira vez na próstata e que provoca a transformación das células cancerosas, disparando o proceso de morte celular de xeito moi concreto e específico, erradicando as células cancerosas e respectando as sas.
O xene foi descuberto en 1994 polo director do estudo, Vivek Rangnekar, para posteriormente experimentar coas súas propiedades demostrando que é inocua para as células. O seguinte paso, segundo indica este investigador, foi o seu estudo en ratos transxénicos, que creceron con normalidade e sen defectos, chegando incluso a vivir uns meses máis que os animais de control.
Aplicacións futuras
Malia que aínda queda moito por andar, este achado pode chegar a ter unha utilidade clínica nos transplantes de medula ósea e poderá ser utilizado para combater o cancro sen os terríbeis efectos secundarios nin a dor que acompaña aos tratamentos de quimio ou radioterapia. O director do proxecto, Vivek Rangnekar, destaca que “non só podes tratar o cancro, senón tamén facelo sen danar ao paciente”.