O certame cinematográfico rematou esta fin de semana coa entrega de premios e coa arela de buscar novas ideas organizativas para o vindeiro ano.
Na súa duodécima edición, o de Ourense marcou as pautas para se converter nun Festival “en construción total”. Un certame que, segundo os seus organizadores, busca renovarse cos “novos ventos do cinema e do audiovisual que sopran en Galiza e no mundo” e que remata cos obxectivos cumpridos, mirando cara ao futuro con ilusións e propostas innovadoras.
Coa chegada á dirección de Enrique Nicanor, comezaron os cambios. En primeiro lugar coa introdución da palabra “internacional” no título do festival, co que se quere deixar patente a súa nova orientación e a súa ampla proxección cara fóra do noso país. A renovación comeza tamén coa obriga de buscar propostas para obter un certame cinematográfico con personalidade e ideas propias, que pasan pola creación dunha estrutura nova.
Triunfo da denuncia social
True North foi a vencedora desta edición. O drama sobre o pesqueiro escocés Providence fíxose co Gran Premio Calpurnia á mellor película, dotado con 18.000 euros. O filme relata a historia deste barco, que cada vez ten máis dificultades para saír adiante e que, debido á súa mala situación, empurra ao fillo do patrón a aceptar unha cuantiosa oferta para transportar inmigrantes chineses dende o Mar do Norte á Gran Bretaña.
A calidade da longametraxe fixo que tamén o seu director acadase o Premio Calpurnia Carlos Velo, mentres que tamén se lle concedeu unha mención especial a A viaxe de Iska, do cineasta húngaro Csaba Bollok. Na categoría de documental, o xurado acordou outorgar o premio a Skyggens Dal de Morvary Samaré e Astrid Schau-Larsen, sobre o abuso sexual infantil, e outorgaron o de mellor director documental a Driss Deiback, por Os perdedores.
Por último, no apartado de curtametraxes, foi a eslovaca Tricko, a que se fixo co premio, e o director Simon Ellis co de mellor director de curtas. O palmarés complétase co galardón á mellor actriz de curtametraxes para Natalia Dicenta por Propiedade privada; mellor actor para Lindstrom por Berusningstudiem e premio Eixo Atlántico para Temporada 92,93.