Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
RUBÉN PARDIÑAS, DIRECTOR DE 'FRONTEIRAS'

"Os asturianistas deberían traballar case máis polo galego que polo asturiano"

Fronteiras, documental que analiza a presenza da lingua galega nos territorios limítrofes, proxéctase este martes en Cineuropa e o xoves presentarase no Festival Internacional de Cine de Xixón.

Marcos S. Pérez - 10:15 27/11/2007



Que lingua se fala entre o Eo e o Navia? É galego? Rubén Pardiñas explora en Fronteiras a presenza da cultura e a lingua galegas nas comarcas fronteirizas, en Asturias, no Bierzo, en Zamora e en Portugal. O documental, que xa visitou as II Xornadas Culturais Martín Sarmiento (Vilafranca do Bierzo), o Fronte[i]ras ´07 (Pontevedra), ou o International Film Festival de Santa Maria da Feira (Portugal), preséntase o martes 27 en Cineuropa e o xoves 29 no Festival Internacional de Cine de Xixón, ao que foi convidado e onde se realizará un encontro entre o público e o director.

O filme preséntase en Xixón. Atopaches moitas reticencias?
Estamos moi satisfeitos de que Fronteiras se poida ver en Xixón, porque era un dos nosos obxectivos. E a organización do festival fixo unha aposta por un filme que aborda un asunto polémico en Asturias.

Cres que vai haber polémica?
Hai certos sectores en Asturias, sobre todo no asturianismo, que están reflectidos no documental, tamén, que rexeitan por completo o feito de que a lingua que se fala entre o Eo e o Navia sexa unha variante do galego. En parte está a identificación dunha realidade lingüística e unha realidade política. Moitas linguas en todo o mundo son faladas fóra dos seus territorios, e non pasa nada. Unha cousa non implica a outra.

Pero ademais, a posición asturiana cara ao galego do Eo-Navia variou dende os oitenta...
Si, no documental sae por exemplo a filóloga Ana Cano, que en 1987 afirmaba que era unha variante do galego de Lugo. O problema, en parte, é que o asturiano ten unha implantación social moi baixa en todo o territorio asturiano, pero en cambio o galego fálase entre o Eo e o Navia en niveis case equiparables aos de Galiza. Polo tanto, os asturianistas deberían traballar case máis polo galego. En parte as reticencias proveñen de aí.

É difícil a distribución dun documental, por riba galego, e ademais sobre un tema polémico?

Ben, estivemos presentes xa en varios festivais, en Portugal, no Bierzo, en Pontevedra... E, en realidade, hai que dicir que no documental non hai cartos galegos, pois de feito foi unha aposta dunha produtora madrileña, de Pasacana Films.

Non estás satisfeito co apoio que atopaches en Galiza, polo tanto?
Estamos contentos de que a TVG se decidise a mercar o documental, pero non así co apoio previo. De feito presentamos un proxecto, para que parte da produción fose galega, e non nolo concederon.

En que estás traballando agora?
Estamos iniciando unha coprodución entre Pasacana e a TVG sobre o mundo da gaita, que provisionalmente titúlase "Gaiteiro". Quero analizar o auxe da gaita nos últimos anos e os debates entre aqueles que defenden o mantemento das formas e sons tradicionais e os que apostan por perder parte desa 'pureza' para adquirir unha maior implantación social.

Cando tedes a presentación co público en Xixón?
O 29, a ver se saímos vivos, hehe.


5/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: