O primeiro número da revista Retranca, dirixida por Kiko da Silva, preséntase na libraría Couceiro de Compostela o mércores 21 ás oito da tarde
A consigna é non facer prisioneiros, rir de todo, de nós mesmos, de Galiza. A revista Retranca está na rúa dende comezos de novembro cun informe retranqueiro sobre feísmo urbanístico. Ademais, outras sorpresas, como unha foto do Rei "para espertar as túas paixóns máis ardentes" e un poster central e caricatura da conselleira de Vivenda, Teresa Táboas.
Oito mil exemplares de tirada e ducias de colaboradores, entre os que destacan no primeiro número Manuel Rivas, Miguelanxo Prado, Xaquín Marín, Pinto e Chinto, Kohell, Leandro, Luís Davila, Andrés Meixide, Alberto Guitián, Jacobo Fernández ou os colectivos Pestinho+1 e Reizentolo. Todo a un prexo de 2,20 euros. O segundo número xa está no prelo e chegará aos quioscos a primeira semana de decembro.
O mércores 21, a partir das oito da tarde, a retranca chega a Compostela, cunha presentación na libraría Couceiro, realizada por Kiko da Silva, director da revista.