Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Mostra sobre a realidade galega

'Galicia, o sorriso de Daniel' chega a Portugal

Esta exposición itinerante organizada polo CCG busca dar a coñecer a diversidade da cultura galega alén das nosas fronteiras

Redacción - 18:10 19/11/2007
Profeta Daniel

Profeta Daniel

Do profeta Daniel do Pórtico da Gloria a Daniel Castelao, outro dos profetas da nosa cultura, esta mostra promovida polo Consello da Cultura Galega (CCG), tentará espallar por Braga a realidade dunha nación e fomentar o diálogo intercultural. A exposición poderá visitarse até o 20 de decembro no Salón Medieval da Reitoría da Universidade de Miño.

Visual e interactiva, a mostra realiza un percorrido dende os tempos prehistóricos até a actualidade, co obxectivo de dar a coñecer o pasado de Galiza, pero tamén presentar a situación actual do noso país, tanto nos aspectos culturais como institucionais, económicos e sociais, arredor de dous grandes fíos temáticos, que son a identidade e a universalidade.

Dende a súa presentación en Barcelona en 2004, esta exposición, orientada aos galegos residentes fóra da terra, xa visitou diferentes localidades brasileiras, onde obtivo un gran éxito de convocatoria con case 15.000 visitas nun mes. Agora diríxese cara ao país veciño para mostrarse como unha das polas da variedade cultural ibérica e coa vantaxe da súa proximidade ao mundo luso-brasileiro.

Cinco bloques temáticos
A exposición estrutúrase arredor de cinco eixos básicos: o espazo físico e humano; a evolución histórica, lingüística e literaria; os ámbitos de produción tradicional e a cultura nos que agroman; os novos eixos económicos e institucionais sobre os que se proxecta o futuro e, por último, a condición de Galicia como “porto e porta”, en relación aos procesos de mestizaxe cultural.

A pesar de ser esta unha iniciativa xurdida dunha institución pública, non ten unha intención partidaria nin gobernamental, xa que , segundo afirma o presidente do CCG, Ramón Villares, deberá propiciar "a apertura de camiños de entendemento na pluralidade cultural española e mesmo ibérica".


Documentos

4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: