A rede "Galiza non se vende", que agrupa a máis de sesenta colectivos ecoloxistas, sociais e veciñais de todo o país presentouse publicamente este venres.
A. Carrodeguas, Mabel Rivera, Xosé Reigosa e Tino Quintela
"Desamparados", "desprotexidos", "defraudados". Cun rotundo "quedamos sen espazos de oposición" os colectivos que conforman a rede Galiza non se vende resumiron os dous anos de goberno bipartito, ao que acusaron de defender un "modelo enerxético depredador, en contra dos intereses dos cidadáns". Galiza non se vende sitúa entre os principais problemas do país o plano acuícola elaborado pola Xunta, a Lei de Minaría, a Lei de Portos Deportivos, o urbanismo salvaxe, a destrución do entorno provocada polos parques eólicos, ou a contaminación xerada polas centrais térmicas. E esixe un modelo de desenvolvemento distinto, así coma un cambio nos modelos de participación, de xeito que a cidadanía gañe en capacidade de decisión.
Os representantes dos colectivos que conforman a rede Galiza non se vende amosánse defraudados coa política exercida por PSOE e BNG dende o goberno: "os políticos que agora mandan cambiaron os postulados que defendían na rúa". E denuncian así mesmo unha "fenda" entre a administración e os cidadáns, unha procupante falta de diálogo, salientando que "nós, os cidadáns, non nos movemos, seguimos ocupando un espazo de reivindicación que eles abandonaron". Asemade, advírtenlles aos partidos do goberno de que se está producindo un cambio na sociedade galega, un punto de inflexión no que os cidadáns comezan a mobilizarse esixindo diálogo, transparencia e unha política distinta: "vai haber un momento no que terán que abrir as portas dos seus despachos e comezar a escoitar, a escoitar o que eles mesmos dícían antes".
O xermolo da plataforma foi a Rede Litoral Vivo, nacida hai uns meses e que en maio convocou unha gran manifestación en Compostela baixo o lema, precisamente, de "Galiza non se vende". En Litoral Vivo aglutinábanse xa un bo número de colectivos en defensa das rías ou da costa, ou en protesta contra a especulación urbanística, a construción incontrolada no litoral, os recheos, os vertidos ou a ubicación de Reganosa no interior da Ría de Ferrol. Pero non só a costa está ameazada, como quedou claro nas accións locais en defensa do Courel ou da Serra da Grova. Así pois, a rede abriuse a outros colectivos e hoxe agrupa xa a máis de sesenta asociacións. As entidades que conforman a rede comparten o obxectivo de "acadar unha xestión máis sustentábel e solidaria dos nosos recursos naturais e pular por unha ordenación do territorio racional e socialmente xusta". A rede está aberta a calquera colectivo veciñal, cidadáns ou ecoloxista, de ámbito galego ou local, pero non admite a integración de partidos políticos ou sindicatos.
Obxectivos
Os obxectivos da plataforma son intercambiar información e experiencias, así como apoiar conxuntamente as mobilizacións sociais en defensa do entorno que se produzan en calquera punto do país, como xa fixeron o domingo 4 de novembro en Corrubedo. En definitiva, trátase de xerar sinerxías que permitan mellorar a capacidade de presión sobre gobernos e empresas sumando as forzas dos colectivos integrantes.
Tamén para facilitar o acceso e a capacidade de influencia sobre os medios de comunicación. Considérase prioritario que a coordinación dos distintos grupos permita unha mellor comunicación pública dos problemas que combaten, asegurando unha meirande sensibilización social. A este respecto, o representante do Comité Cidadán en Defensa da Ría de Ferrol puxo como exemplo o xeito en que os medios de comunicación comezaron a facerse eco do malestar social coa ubicación da planta de gas en Mugardos, grazas ás accións levadas a cabo por mariscadores e veciños.
A rede vai tomando forma. De feito, onte comezou a funcionar a páxina web que servirá de punto de encontro e de voceiro de todos os colectivos. A primeira gran cita da Rede sitúase o 17 de febreiro, na manifestación nacional convocada en Compostela pola defensa do entorno natural. Máis a curto prazo os obxectivos son estender a rede a máis colectivos, e mellorar a coordinación entre eles. Asimesmo, mobilizaranse de xeito conxunto para apoiar todas as accións que os distintos grupos convoquen a nivel local. Esta fin de semana, por exemplo, representantes de moitos dos colectivos estarán presentes na Feira Terractiva, en Arzúa, com tres stands nos que ofrecerán información sobre as súas actividades.