A inmediata liberdade dos presos políticos e a desmilitarización dos territorios ancestrais son as principais demandas de cinco presos deste pobo indíxena.
O xornal Rebelión publica unha análise sobre a situación dos mapuche, que conta coas declaracións dun dos cinco presos -Héctor Llaitul- que o pasado 10 de outubro iniciaron unha folga de fame para esixir a represión deste pobo indíxena por parte do Estado chileno.
Llaitul critica a crecente militarización dos territorios ancestrais desta comunidade, co fin de protexer os intereses empresariais da industria forestal e mineira, que ademais están a provocar unha acelerada deterioración nas súas condicións de vida.
"Sentímonos desprotexidos fronte á arremetida político xudicial á hora de enfrontar os procesos de que somos obxecto, posto que a nosa confrontación é, principalmente, cos grupos económicos máis poderosos do país, que contan con todas as garantías do Estado para incriminarnos", afirma Llaitul, que engade, ademais, que "o empresariado non só controla o poder económico nas rexións en conflito, senón tamén os medios de comunicación".
Detencións e apoio internacional
Actualmente hai máis de vinte presos políticos mapuche nas cadeas chilenas, e prodúcense constantes rexistros, violacións, detencións e o despregamento de unidades de Forzas Especiais do Exército, Carabineros e Infantes da Mariña, que converten os territorios ancestrais mapuche na zona máis militarizada de Chile, afirman en Rebelión.
Os actos de apoio traspasaron as fronteira chilenas, que xa chegaron a cidades como Londres ou Xenebra, onde o pasado 26 de outubro, no marco dunha xornada internacional, houbo protestas ante as embaixadas do país latinoamericano.