De cadanseu burato na caixa falaron os presidentes das deputacións provinciais este luns, nunha inédita comparecencia no Parlamento.
"A débeda non hai máis remedio que tela", teimou Xosé Luís Baltar na súa intervención deste luns no Parlamento. O presidente da Deputación de Ourense queixouse da "práctica ausencia de financiamento procedente da Xunta" nos orzamentos do ente provincial e acusou o Goberno de incumprir "o mandato do artigo 142 da Constitución".
Ademais, Baltar xustificou os gastos de persoal da institución que preside, un 60% do orzamento total, e defendeu que a deputación leva a cabo a xestión directa da conservación viaria que "aínda que non o pareza, son investimentos". Ao fío da propia comparecencia, á que Baltar rexeitara acudir os dous últimos anos, o barón ourensán dixo que "non é un trámite legalmente previsto" e asegurou que na súa opinión "carece de sentido". Segundo Baltar, só acudiu desta volta por "respecto á Cámara".
En parecidas formas falou o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, quen insistiu en que a súa presencia no Parlamento non significaba "submisión ningunha" e subliñou que non estaba obrigado a estar aló. Louzán dixo ver nas chamadas á coordinación dos entes provinciais un ataque "á autonomía local irrenunciábel" e criticou que "algúns pretenden atar as mans ou someter".
Máis construtiva foi a posición desde a Deputación de Lugo, desde onde o seu presidente, o socialista Xosé Ramón Gómez Besteiro, defendeu que os orzamentos para 2008 serán bo exemplo do "cambio de goberno na institución" e considerou "unha clara deslealdade institucional" as numerosas débedas pendentes acumuladas polo anterior goberno do PP, encabezado por Francisco Cacharro. Confiou ademais en que a coordinación coa Xunta e sexa un dos piares nos que se sustentarán as contas provinciais para o ano que vén.
O presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, advertiu da "escasa corresponsabilidade fiscal" por parte dalgúns concellos e reclamou que os municipios cumpran coas súas obrigas e contribúan ao custo do servizo que reciben, porque "non pode ser todo gratis". Así, reclamoulles aos gobernos locais "un esforzo recaudatorio propio" para facer fronte á débil estrutura financeira que teñen na actualidade. Moreda tamén se pronunciou en favor de fórmulas para agrupar os municipios, aínda sen necesidade, na súa opinión, de crear novas administracións como as áreas metropolitanas.