O presidente do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, prometeu que levará no programa electoral dos comicios xerais de marzo o cofinanciamento da Cidade da Cultura.
Así e todo, non aclarou o líder do PPdeG en que porcentaxe se materializaría ese financiamento posíbel. Nas súas declaracións, nos micrófonos da Radio Galega, Núñez Feijoo asegurou que garantirá ese compromiso a través da súa propia participación no comité de redacción do programa dos populares. "Se gañamos as eleccións, o ministro de Cultura do PP terá que contar cunha partida para o Gaiás, e isto vaise facer efectivo a través dun convenio", precisou.
Feijoo insistiu en que até o de agora non se produciu un compromiso similar por parte do PSOE e criticou que o goberno español non colaborase economicamente coa Cidade da Cultura malia prometeren nos últimos meses que o do Gaiás sería "un proxecto de Estado". Viu ademais un trato desigual a nivel estatal, recordando que outras obras si conseguiron ese financiamento, como a do porto de Valencia, onde o goberno español puxo o 40% dos 500 millóns de euros que custou.
O PSdeG considérao unha "tomadura de pelo"
"Co goberno amigo de Aznar Galiza non recibiu nin un só euro para este proxecto", ironizaba o voceiro parlamentario do PSdeG, Ismael Rego, ao respecto das promesas de Núñez Feijoo. Rego insistiu en que o actual executivo español xa sinalou que se consideraba o do Gaiás "un proxecto de Estado".
"Non se coñece que o de aquela vicepresidente da Xunta reivindicase a participación do Goberno central no proxecto", apúxolle a Feijoo. Por outro lado, Rego comentou que "a única achega de Mariano Rajoy foi a colocación dun cuñado como director financeiro da Fundación", co "probábel aval" de Feijoo.