Masiva participación este sábado na asemblea aberta que se celebrou na Casa do Concello de Mugardos. Aló, decidiuse dar por finalizado o peche protesta iniciado o pasado mes de xullo. Foron 110 días os que un grupo de veciños da parroquia de Mehá permaneceron neste encerro voluntario en protesta pola construción dunha regasificadora á porta das súas casas.
Será apenas un punto de inflexión nas protestas, segundo explican desde o colectivo veciñal, xa que as actividades e mobilizacións continuarán. "Políticos e gobernos falláronlle ao pobo", laiábase a voceira do colectivo O Cruceiro, Luz Marina Torrente.
Unha prioridade inmediata será a elaboración do recurso contra a autorización outorgada esta semana polo goberno español a Reganosa. Por outro lado, os veciños irán este mércores 28 a Bruxelas, convidados por Esquerda Unida. Aló, esta formación política anunciou a presentación dunha pregunta á Comisión Europea, onde se advirte de que "polas súas características e pola súa situación" a planta de Reganosa na ría ferrolá "pode supoñer un gravísimo risco para a vida na zona, para a riqueza pesqueira da ría e para os postos de traballo que do mar dependen".