Nun 98% cualificou Xoán Xosé González, director do Instituto Oceanográfico de Vigo, a recuperación da costa galega dos danos ambientais sufridos pola marea negra.
A flora e a fauna do litoral estarían "practicamente igual que antes do accidente", segundo o experto consultado esta fin de semana. González, quen controla directamente o programa de estudo sobre contaminación mariña do Instituto, considera que a maioría de informes científicos dan por pechado o asunto do Prestige, de xeito que as principais investigacións que permanecen activas son as relacionadas co pecio do buque.
Afortunadamente, non se produciu a afectación que prevían algúns expertos, xa que non houbo mutacións xenéticas en especies nin se detectaron baixadas importantes de poboacións, salvo en casos illados como a semente de mexillón ou a cigala. Si advirte así dalgúns efectos na reprodución dalgunhas especies, pero restrinxe os problemas de rexeneración a pequenas zonas costeiras de difícil acceso, na súa opinión, apenas o 2% do total da liña de costa.