Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A xestión do PPdeG co Gaiás

Os xulgados agardan para resolver o caso das "trituradoras" e dos que miraron "para outro lado"

O avance da comisión de investigación sobre a Cidade da Cultura segue achegando novos detalles e estimula a necesidade de que as irregularidades se resolvan na vía xudicial.

Redacción - 09:00 10/11/2007

O actual curso político abría hai un par de meses co tirapuxa das principais formacións políticas arredor do xeito de resolver as discusións sobre as irregularidades no proxecto da Cidade da Cultura. Inicialmente, desde o PSdeG amosaran maior vontade polo desenvolvemento da comisión de investigación parlamentaria, ao tempo que desde o BNG crían necesario que a Xustiza protagonizase desde o primeiro momento a investigación. De xeito paralelo, o PPdeG teimaba en desafiar aos rivais políticos a levaren o asunto á Fiscalía.

Pero se ben o PPdeG consideraba que podía esquivar as implicacións xudiciais que se desprendían do informe do Consello de Contas, o desenvolvemento da comisión de investigación achegou máis detalles e axudou a destacar irregularidades xa coñecidas. Xa que logo, nesta altura, socialistas e nacionalistas coincidirían en que as conclusións que agora mesmo xa se debuxan ao respecto da comisión, deberían serlle trasladadas á Fiscalía. O ex conselleiro Xesús Pérez Varela, de quen se distanciaba esta semana o ex presidente da Xunta, Manuel Fraga, e a quen este venres se lle atribuíu a presunta compra de destrutoras de papel para, supostamente, desfacerse de documentación sobre o proxecto do Gaiás, sería un dos obxectivos máis claros do proceso.

Sobre o asunto falou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, para quen o PPdeG "mirou para outro lado" mentres se producían as irregularidades denunciadas estes días polos voceiros parlamentarios de PSdeG e BNG. Touriño sae así ao paso das comparecencias do ex presidente Manuel Fraga e do actual líder do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo, ironizando ao respecto do distanciamento que ambos os dous trataron de marcar sobre a xestión da Cidade da Cultura: "dá a impresión logo de que seica foi o bedel o que fixo todo aquilo". Mentres Fraga "soñaba", Feijoo "miraba" reprochou o presidente da Xunta.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: