Consideran que é prexudicial para a costa, e recoñecen que non tiveron en conta a posición do PSdeG.
O secretario xeral da Federación Socialista de Asturias (FSA-PSOE), Javier Fernández asegurou que a disconformidade dos socialistas asturianos con respecto ao AVE transcantábrico radica no trazado proposto, "de acordo co modelo de rexión que temos, a infraestrutura na zona na que está debuxada parécenos negativa", declarou ante os medios de comunicación.
Fernández recoñeceu que non tivo en conta a posición do Partido Socialista galego, e afirmou que "ás veces as posicións son diferentes a outras federacións porque hai unha compoñente territorial", e continuou dicindo que "as posturas por tanto non son sempre coincidentes, pero non só neste asunto".
A costa, gran activo económico de Asturias
Como defensa do seu posicionamento, o representante dos socialistas asturianos dixo ter baseado as súas sentencias en análises previos, tendo en conta unicamente que "o trazado previsto está cinguido á costa asturiana, que é un dos grandes activos económicos que queremos preservar".
Malia todo, Fernández confesou que esa mesma análise con outro trazado "habería que avaliala en función do que se propoña". Manifestou tamén a necesidade de medir en termos de "custe e beneficio" as infraestruturas tendo en conta os impactos de tipo social, económico ou ambiental.
"Nós faremos o imposíbel por lograr que o AVE se faga polo sitio con menor impacto ambiental, e aí onde está previsto é elevadísimo", engadiu.