A directora xeral para o Deporte destacou o cambio na filosofía de traballo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, tanto no aspecto deportivo coma no educativo, nos dous últimos anos.
Instalacións médicas do centro
A responsábel do Deporte Galego destacou na Comisión de Educación e Cultura, na que comparecía na sexta feira, que "o CGTD é, na actualidade, un dos alicerces básicos para o desenvolvemento do proxecto de tecnificación do deporte en Galiza".
Os cambios filosofía do CGTD
Souto tamén incidiu no cambio experimentado por este centro, "que se transloce nos resultados acadados polo alumnado do centro, tanto deportivos como educativos, e polo conxunto de deportistas que nel realizan a súa tecnificación deportiva".
As mudanzas do CGTD son froito d o empeño da Consellería de Cultura e Deporte, e en particular da Dirección Xeral, de dotar ao centro de novo equipamento, de realizar melloras na residencia, de proporcionarlle ao alumnado un ambiente propicio non só para a práctica deportiva, senón tamén para o seu desenvolvemento persoal, de posibilitar a utilización das súas infraestruturas por deportistas, clubes, federacións, alumnado de Ciencias da Educación e Actividade Física e Deportiva.
Souto tamén dixo que o CGTD é unha entidade fundamental, posto que "posibilita a continuidade dos traballos de adestramento ás e aos mellores deportistas galegos e sobre todo a formación dos novos valores do deporte de elite en Galiza".
"Cando falamos de centros de tecnificación, falamos de centros de formación de persoas e deportistas".
Souto considerou que este non é o mellor momento para converter o CGTD nun Centro de Alto Rendemento, posto que tamén é importante manter a formación persoal, alén da deportiva.
De feito, segundo datos facilitados por Deporte, o 100% dos deportistas de 3º e 4º da ESO promocionaron ao curso seguinte; o 80% dos deportistas de 2º de bacharelato acadaron o título; e o 70% dos deportistas con título de bacharelato accederon á Universidade.
En canto ao aspecto deportivo, o 70% dos responsábeis dos programas de tecnificación deportiva cualificaron os resultados como moi satisfactorios e cualitativamente superiores aos resultados deportivos obtidos en cursos anteriores.