Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Marica Campo, poeta

"Nacín ao galego na Terra Cha"

A escritora recibe esta fin de semana en Guitiriz unha homenaxe pola súa traxectoria literaria e educativa mediante o nomeamento como Chairega de Honra.

Lucía Iglesias - 09:00 10/11/2007

Da poesía á novela e da dramaturxia ás letras musicais, pode dicirse que María del Pilar Campo, Marica, é verdadeiramente polifacética. Esta profesora de galego acaba de ser nomeada Chairega de Honra nun acto organizado pola Fundación Manuel María e pola Asociación Xermolos. A homenaxeada reservou un oco a Vieiros para falar sobre as súas impresións.

Vieiros: Que significa para vostede que a recoñezan Chairega de Honra?

Marica Campo: É un fermoso agasallo que non vou dicir que non merezo, e digo isto porque os agasallos son iso, agasallos, non os pedimos. A verdade é que significa moito para min, sobre todo porque provén da Fundación Manuel María, e para min dicir este nome equivale a dicir Terra Cha. Tamén ten un valor especial porque anteriormente foi concedido a grandes personaxes como Fiz Vergara e Paco Martín, que chegou incluso a crear un personaxe que falaba chairego, Avelino Pousa ou Bernardino Graña. Doulle especial importancia polo feito de que eu nacín ao galego na Terra Cha, é un recoñecemento desa outra patria que é a lingua.

Vostede é poeta, narradora, dramaturga, e até escribe letras para grupos galegos de música, con cal destas facetas se identifica máis?

Podería dicir que non me recoñezo con ningunha. O meu obxectivo é sempre facer a mellor obra, e sempre quedo descontenta, o que pasa é que son como unha nai. As nais recoñecen os defectos dos seus fillos, pero nunca os din en público, esperan a que os demais os vexan por si mesmos. Eu nunca comento os defectos da miña obra, aínda que habelos, hainos.

É tamén profesora nun instituto de Guitiriz, de onde saca tempo para facer tantas cousas?

Quítolle tempo ao sono, e resúltame moi difícil porque son unha persoa á que lle gusta moito durmir, pero o caso é que necesito estar ocupada, gústame coleccionar instantes e realizar moitas actividades diversas. A verdade é que a única maneira que teño de compaxinar todo isto é establecendo prioridades e a miña prioridade número un, o que máis necesito, é escribir.

Escribe poesía tanto para adultos como para nenos, que temas son os máis recorrentes na súa obra?

En realidade escribo pouca poesía para nenos, hai moi bos autores en Galiza e pensei que non era necesario. Aínda así o que máis trato son aqueles temas que lle interesan aos rapaces, séguenlles gustando que lles conten contos, polo menos aos que lles dou clase eu, se por eles fora estaría todo o tempo contando contos.

E na literatura para adultos, en que se inspira?

Non creo moito na inspiración, máis ben baséome na literatura en xeral, no ambiente, na historia de Galiza, sobre todo nos seus personaxes anónimos e nos mitos, e tamén na miña propia experiencia. Outro tema que me interesa é a tradición oral, que en moitos casos é recollida polas mulleres.

Moitas das súas obras versan arredor da muller, cal cre que é o papel que están a xogar as mulleres na cultura galega actual?

A muller galega sempre xogou un papel fundamental, aínda que quizais non se lle deu demasiada megafonía. A tradición do noso país está moi feminizada, xa dende a poesía medieval, na que moitas das cantigas eran postas en boca das mulleres. Tampouco podemos esquecer que foi unha muller a que inaugurou a literatura galega moderna, Rosalía é o exemplo da importancia que sempre tiveron as mulleres na nosa cultura. De todos os xeitos, non existe unha competencia cos homes, pero se o miramos comparativamente, non quedamos atrás.

Volvendo ao tema dos nenos, cre que os rapaces de hoxe son receptivos á literatura?

Son receptivos sempre que se cultiven. Hai que educalos na literatura e esa é unha tarefa que non só se pode facer nas escolas. Ten moitísima importancia a educación que se leva a cabo nas casas. Hai que procurar inculcar aos rapaces no hábito da lectura xa que as letras quedan un pouco esquecidas nesta época na que todo é imaxe e audiovisual.

Por último, gustaríame saber que novos proxectos está a preparar?

Ando a voltas cunha novela que quero reescribir. Trátase dun libro de relatos que ten por título As vilas ocultas de Ariach, (Ariach é Chaira ao revés) máis a narrativa sempre pide máis tempo, que é o que me falta a min, hai que ter moi en conta o que tes escrito con anterioridade. Na poesía, é diferente, podes deixar un poema, e ao día seguinte continuar con algo novo.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: